A nova directiva europea sobre dereitos de autor a debate na UDC

xoves, 25 de abril do 2019 Redacción

O Campus Innova e o grupo de investigación da Universidade da Coruña Dereito Público Global organizan este venres, 26 de abril, a xornada A fin de Internet tal e como a coñecemos?, sobre a directiva europea dos dereitos de autor no mercado único dixital.
A xornada, que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Dereito, Campus de Elviña, dará comezo ás 11:45 horas coa presentación por parte da directora do Campus Innova, Susana Ladra, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Francisco Javier Sanz Larruga.
A continuación, expertos en avogacía e TIC debaterán acerca da nova regulación europea en materia de copyright. A mesa redonda contará coa participación de Borja Adsuara Varela, profesor, avogado e consultor, experto en dereito, estratexia e comunicación dixital; Marcos Judel Meléndrez, avogado especialista en TIC e socio de Audens; Manuel Areán Lalín, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade da Coruña e secretario xeral da Corporación Voz de Galicia; e Víctor Salgado Seguín, avogado especialista en TIC en Pintos&Salgado.
O obxectivo deste evento aberto ao público é explicar as claves da nova directiva comunitaria sobre dereitos de autor no entorno dixital, aprobada polo Parlamento Europeo o pasado mes de marzo, e despexar os numerosos interrogantes que esperta o desenvolvemento desta lei.

JPEG - 152.2 KB
Cartel promocional da xornada

PUBLICIDADE