A nova cámara instantánea de Fujifilm combina experiencia analóxica e dixital

mércores, 17 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Fujifilm está a lanzar no Xapón unha curiosa cámara instantánea que chegará a Europa o 1 de febreiro de 2022, a Instax Mini Evo Hybrid, que combina un aspecto clásico e sofisticado coas funcionalidades dunha cámara instantánea analóxica e as posibilidades da fotografía dixital para gardar, compartir e imprimir imaxes.
A Mini Evo vén a ser unha cámara instantánea que integra 10 modos de obxectivo e 10 filtros de efecto película que poden combinarse como opción creativa, e que funciona con películas instantáneas Instax Mini, ou sexa, que as imaxes captadas poden imprimirse directamente dende a cámara, aínda que neste caso non hai por que facelo a cegas como acontecía coas cámaras instantáneas tradicionais, xa que a nova cámara inclúe unha pantalla LCD de 3 polgadas que permite opcións selección e edición, e as fotografías tamén se almacenan nunha tarxeta micro SD e incluso poden transferirse ao noso smartphone a través de Bluetooth. A súa aplicación móbil serve tanto para transferir as imaxes ao móbil (para así poder compartilas nas nosas redes sociais) como para empregar a cámara a xeito de impresora fotográfica, conseguindo así unha grande versatilidade.
Está previsto que a cámara saia á venda a un prezo de 199,99 euros, aínda que cómpre advertir de que a película que emprega non é especialmente económica (a película instantánea Instax Mini Stone Gray que sairá á venda á vez que a cámara venderase a 11,90 euros o paquete para 10 fotografías).

A cámara pode empregarse como unha impresora fotográfica

PUBLICIDADE