A nova cámara de viaxe de Olympus permite disparar en RAW

mércores, 11 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A elegante cámara compacta Olympus Stylus Traveller SH-1 conta finalmente cunha sucesora, a SH-2, que sairá á venda o mes que vén a un prezo superior aos 300 euros, e que como principal novidade ten que pode disparar fotografías en formato RAW.
A Olympus Stylus Traveller SH-2 está dotada cun sensor retroiluminado CMOS de 16 Mpíxeles, procesador de imaxe TruePic VII, pantalla LCD de 3 polgadas cunha resolución de 460.000 puntos, zoom óptico de 24x, gravación de vídeo Full HD a 60 cadros por segundo, función de time lapse, a posibilidade de gravar vídeo a 240 imaxes por segundo (para o que ten que reducir a súa resolución até 432 x 324 píxeles), 18 modos de escena, estabilizador de imaxe de 5 eixes (para fotografía e vídeo), saída HDMI tipo D e conectividade sen fíos Wi-Fi para poder conectar á cámara ao smartphone a través do programa OLShare e así poder compartir as nosas instantáneas ao momento entre as nosas redes sociais.
De todos os xeitos o seu corpo de metal con acabados con aire retro parecen ser os factores que poden atraer máis aos usuarios que buscan unha cámara fotográfica para as súas viaxes.

A nova cámara compacta de Olympus ten un zoom óptico de 24 aumentos

PUBLICIDADE