A nova cámara Lumix GH5M2 permite transmitir vídeo en directo

mércores, 26 de maio do 2021 Marcus Fernández

A primeiros de xullo Panasonic porá á venda a nova Lumix GH5M2, cámara de formato micro catro terzos sen espello que presume dun rendemento de vídeo excepcional, que como grande novidade incorpora transmisión de vídeo con cable ou sen fíos a través do protocolo RTMP/RTMPS co codec H.264 a até Full HD a 60 imaxes por segundo e a 16 Mbps. Para a transmisión por cable precisa so software LUMIX Webcam, mentres que sen fíos pode controlarse a cámara mediante dispositivos móbiles coa aplicaicón Lumix Sync. Tamén é posible conectar a cámara directamente a routers ou outros dispositivos de rede.
Esta nova cámara tamén grava vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo, podendo ofrecer sinal 4K a través de HDMI, polo que é unha ferramenta videográfica moi interesante, ao que contribúen as súas facilidades para a postprodución grazas a rexistrar o V-Log e a contar con 35 LUT de conversión descargables de balde. Tamén conta con dous tipos de preaxustes Cinemalike para elixir se queremos priorizar o rango dinámico ou o contraste.
A Lumix GH5M2 ten un sensor Live MOS de 20,3 Mpíxeles, estabilizador de imaxe avanzado, pantalla táctil de 3 polgadas e ángulo libre, rañura dobra para tarxetas SD, compatibilidade con numerosos accesorios herdados da GH5 e cunha batería de 2.200 mAh que garante unha grande autonomía.

Ao conectar a cámara ao smartphone podemos transmitir vídeo en directo dende case calquera lugar

PUBLICIDADE