A nova Neo-Geo portátil será realidade en decembro

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A nova consola portátil inclúe un mando externo e unha base de carga que facilita a súa conexión ao televisor

A primeiros de ano comentamos que estaba a prepararse o regreso do clásico sistema de videoxogos Neo-Geo como consola portátil, e finalmente temos a confirmación de que o vindeiro 6 de decembro Tommo vai comezar a vender os seus produtos licenciados por SNK Playmore. O lote NeoGeo X Gold chegará composto por unha consola portátil NeoGeo X con 20 xogos clásico precargados, unha base de carga e un mando arcade a un prezo de 199,99 dólares nos EE.UU. (o prezo europeo aínda non se anunciou, aínda que xa detallaron que da distribución no noso territorio encargaranse BLAZE e Success Company.
A NeoGeo X terá unha pantalla de 4,3, lector de tarxetas de memoria para a carga de novos xogos, altofalantes estéreo e toma de auriculares. É compatible co NeoGeo X Joystick (que permite gozar dos xogos como se tivésemos a consola de videoxogos orixinal) e coa base de carga NeoGeo X Station (que tamén permite conectar a consola ao televisor ou ao monitor a través dunha saída de vídeo ou dunha toma HDMI).
Os xogos que incluirá esta interesante consola portátil preinstalados son 3 Count Bout, League Bowling, Art of Fighting 2, Magician Lord, Alpha Mission 2, Metal Slug, Baseball Stars 2, Mutation Nation, Cyber Lip, Nam 1975, Fatal Fury, Puzzled, Fatal Fury Special, Real Bout - Fatal Fury Special, The King of Fighters ’’95, Samurai Showdown 2, King of the Monsters, Super Sidekicks, Last Resort e World Heroes Perfect, auténticos clásicos que marcaron a moitos habituais de salóns recreativos nos anos 90.

PUBLICIDADE