A nova Mobile Week Coruña celebrarase na semana do 25 de novembro

mércores, 3 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días estanse a sentar os alicerces para a nova celebración da Mobile Week Coruña, coa que se quere chegar aínda máis lonxe que na edición anterior. Sen ir máis lonxe, a nova alcaldesa Inés Rey e o edil de Réxime Interior, José Manuel Lage, veñen de manter unha xuntanza co presidente do Club Financeiro, Mariano Gómez-Ulla, e cun dos impulsores da semana tecnolóxica Mobile Week Coruña, Carlos Grau (recentemente galardoado polo CPEIG), co fin tratar os detalles da segunda entrega do acontecemento tecnolóxico coruñés, nas súas palabras “un dos máis significativos encontros TIC que se realizan na cidade”.
Segundo confirmaron, o evento desenvolverase semana do 25 de novembro. A previsión é ir aínda máis lonxe que coa anterior edición, incrementando unha cifra de participantes xa de por si moi significativa: contou coa asistencia, na súa estrea, de máis de 4.500 persoas e case 150 relatores, amais dun programa constituído por un centenar de actividades.
Rey agradeceulle ao Club Financeiro a explicación achegada sobre este encontro tecnolóxico, “que debe axudar a posicionar a cidade como un referente na súa aposta polas novas tecnoloxías, e como un espazo sen comparanza para acoller todo tipo de congresos, un dos eixos que desde o Goberno local queremos priorizar”. Engadiu que o Executivo coruñés “apoiará este tipo de iniciativas que deben converterse en referentes do mundo tecnolóxico e que teñen que consolidarse no tempo, porque será bo para o sector empresarial, bo para o turismo e bo para a cidade”.
Un repaso
Segundo sinalou recentemente o CPEIG, con motivo dos premios entregados ao Club Financeiro Atlántico e a Carlos Grau, “a Mobile Week Coruña foi o evento internacional máis importante da historia de Galicia”, organizado polo Club Financieiro Atlántico da Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018 na cidade herculina e noutros trece municipios galegos, como un punto de encontro e un convite á reflexión da cidadanía no que se abordaron os grandes retos e oportunidades das tecnoloxías dixitais en clave de cultura, calidade de vida, privacidade, ética, sustentabilidade ou seguridade.
A organización contou coa colaboración das tres administracións públicas galegas: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña, que traballaron conxuntamente. Ademais, sumáronse máis de 60 asociacións, colexios profesionais (como o CPEIG), e institucións de toda Galicia, Cataluña e Portugal. Contouse tamén co patrocinio de empresas privadas, servindo o evento como escaparate internacional de todas elas.
Os indicadores de visualización foron moi salientábeis, conseguíndose máis de 2.500 usuarios na plataforma dixital, máis de 1.500 participantes na dual streaming, e un notábel seguimento en redes sociais con máis de 13,5 millóns de cancelos.
O éxito do simposio, que por primeira vez se descentralizou de Barcelona co fin de achegar a transformación dixital aos cidadáns e servir de ponte dixital entre os eixos do Mediterráneo e o Atlántico, repetirá cunha segunda edición na Coruña do 25 ao 30 de novembro de 2019 onde os retos serán buscar máis participación da cidadanía, máis implicación da sociedade civil, analizar a xeración de tecnoloxías 5G, entre outros desafíos.

PUBLICIDADE