A nova Maker Faire Galicia inclúe tres días de xornadas profesionais

martes, 18 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal, vai ser un dos grandes eventos tecnolóxicos desta tempada. Entre os engadidos extra deste acontecemento figura a celebración dunhas xornadas profesionais, a desenvolver os días 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. Trala organización da feira atópase VermisProject. A celebración en si mesma da Maker Faire Galicia estenderase no tempo tres días máis: até o 7 de xullo no mesmo lugar.
O obxectivo destas xornadas profesionais é achegar ás empresas o potencial que ofrece o ecosistema maker e xerar novas sinerxías entre as dúas comunidades. Ao igual que na edición anterior, a feira volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. As xornadas profesionais organízanse coa colaboración de APD (Asociación para o Progreso da Dirección).
Durante os tres días as persoas asistentes poderán consultar os stands das empresas expositoras, ademais das argalleiras e argalleiros que participan na xa habitual competición de proxectos. Na xornada do mércores as temáticas a tratar serán a enerxía, a mobilidade e a Intelixencia Artificial, a través de mesas de debate nas que participarán empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Indra entre outras. O xoves 4 de xullo abordarase a robótica, a ciberseguridade e o Open Data, tamén a través de empresas de referencia como KUKA, Siemens, NEC ou Balidea.
O broche final ás xornadas profesionais celebrarase o día 5 de xullo, no que se explorará a conexión entre o mundo maker e a Industria 4.0 a través de charlas con relatores de referencia internacional como Justin Berger, de Ikea, ou Mariano Silveyra, de Cabify. Na mesa de tecnoloxías de automatización intelixentes participarán empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que abordarán a súa traxectoria e o paso “do garaxe ao mercado”. Tamén se inclúe unha mesa onde estarán as aceleradoras de Telefónica, Airbus, F. Iniciativas e Cuatrecasas, que analizarán as oportunidades que ten a comunidade argalleira para levar os seus proxectos ó mercado.
Nesta xornada tamén se darán a coñecer os tres mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores.
Galicia Maker Faire
Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 creadores de enxeños expuxeron as súas creacións e proxectos.
A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”.
Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñíbel na súa páxina web, galicia.makerfaire.com.
Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

PUBLICIDADE