A nosa mocidade investigadora impulsa 10 proxectos de tecnoloxías avanzadas no Campus de Ferrol

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

Hugo Freire Blanco e Raúl Caneiro, alumnos do IES Concepción Arenal de Ferrol, traballan co robot educativo Robobo no Laboratorio de Robótica do Centro de Investigacións Tecnolóxicas do Campus de Ferrol

O Campus de Ferrol (UDC) fixo balance da súa participación no Programa do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) no período 2019/21. Segundo fixo saber a UDC, un total de 19 estudantes participantes neste programa están a realizar o seu proxecto de investigación no Campus. Ao abeiro desta actividade impulsan 10 proxectos en colaboración cos grupos de investigación alí emprazados. Traballan baixo a coordinación da investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría Lucía Santiago Caamaño. Boa parte das titorías realízanse en liña ou en modalidade mixta. Hai propostas avanzadas de Intelixencia Artificial, de robótica e de Industria 4.0.
Este grupo de mozos e mozas cursa actualmente segundo de Bacharelato en tres centros da cidade departamental, o IES Sofía Casanova, o IES Concepción Arenal e o Colexio Tirso de Molina, así como no IES María Casares de Oleiros, no CPR Plurilingüe Nosa Señora do Carme de Betanzos e no IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela.
A Escola Politécnica Superior acolle catro deses proxectos de investigación. No primeiro deles, Lucía Ois Castrillón e Laura Ares García, alumnas do CPR Plurilingüe Nosa Señora do Carme de Betanzos, estudan a viabilidade de instalar un parque eólico off-shore sobre plataformas flotantes en augas galegas coa axuda da profesora e investigadora Laura Castro Santos.
No segundo proxecto, Adrián Caamaño Oreiro, estudante do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, está a analizar o funcionamento dun motor Otto de dous tempos en colaboración coa profesora e investigadora Isabel Lamas Galdo.
No terceiro proxecto, Pedro Vidal Villalba, alumno do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, traballa no axuste do controlador dun vehículo tipo Segway mediante a simulación e implementación do controlador nun pequeno robot grazas á axuda dos integrantes do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Javier Cuadrado Aranda, Miguel Ángel Naya Villaverde, Urbano Lugrís Armesto e Francisco Javier González Varela.
No cuarto e último proxecto que acolle a EPS, Raúl Caneiro Paz e Hugo Freire Blanco, estudantes do IES Concepción Arenal de Ferrol, botan man do robot educativo Robobo para demostrar que un vehículo autónomo é moito máis seguro ca un manexado por unha persoa. Para esta tarefa contan co apoio dos integrantes do Grupo Integrado de Enxeñaría, Fran Bellas Bouza e Sara Guerreiro Santalla.
Pola súa banda, a Escola Universitaria Politécnica acolle outros catros proxectos investigación do Programa STEMbach. No primeiro deles, Lucía Tobal Barcelo e Brais Romalde Campos, alumnos do IES Sofía Casanova de Ferrol, están a empregar o software KNIME para o diagnóstico automático de pacientes con Párkinson a partires de gravacións de voz. Os dous mozos exploran a Intelixencia Artificial da man dos profesores e investigadores Óscar Fontenla Romero e Andrés Piñón Pazos.
No segundo proxecto, Alejandro Álvarez Abad, estudante do IES María Casares de Oleiros, achegouse ata o Laboratorio de Automatización para traballar no control en tempo real dunha planta botando man do software Simulink. Para levar a cabo esta tarefa, o mozo conta coa axuda dos integrantes do grupo de investigación de Ciencia e Técnica Cibernética, Esteban Jove Pérez, José Luis Casteleiro Roca, Héctor Quintián Pardo e José Luis Calvo Rolle.
No terceiro proxecto, Sabela Lage Rivera e Uxía Abades Fraga, alumnas do IES María Casares de Oleiros, traballan no desenvolvemento de novos compostos obtidos de biopolímeros de orixe natural para a súa aplicación na industrial do envase e embalaxe alimentario. O Laboratorio de Plásticos, situado no Centro de Investigacións Tecnolóxicas, está a ser un espazo de vital interese para estas dúas mozas e mais para as súas titoras, a integrantes do Grupo de Polímeros, Rebeca Bouza Padín, María Belén Montero Rodríguez e Maite Rico Varela.
No cuarto e último proxecto que acolle a EUP, Álvaro Villar Rodríguez, Lucía Rodríguez Troncoso e Lucía Rodríguez Dadín, estudantes do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, achegáronse ata o Laboratorio de Radioactividade Ambiental para medir a presenza de radón nunha vivenda da súa elección e aplicar as medidas correctivas de acordo cos niveis recollidos na lexislación vixente. Para levar a cabo esta investigación contan coa axuda dos profesores e investigadores María Isabel Fernández Ibáñez, José Antonio López Vázquez e Benigno Rodríguez Gómez.
A Escola Universitaria de Deseño Industrial acolle, por primeira vez, un proxecto STEMbach. Nesta ocasión, Sofía Belén Quintanilla e Isai Orgando Santalla, alumnos do IES Sofía Casanova de Ferrol, están a traballar no desenvolvemento de materiais bioabsorbibles. Coa axuda de Rebeca Bouza Padín, Pablo Fernández Galdo e Álvaro Deibe Díaz, os dous estudantes están a empregar biopolímeros de orixe natural biocompatibles e distintas técnicas experimentais como a extrusión.
Pola súa banda, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía acolle un proxecto no que Andrea Montero Gómez, Laura Sueiro Méndez e Alicia Horjales Rivas, alumnas do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, están a realizar un estudo dos efectos da COVID-19 na calidade de vida percibida polos estudantes de Bacharelato do seu centro. Teñen o apoio das integrantes do Laboratorio de Investigación Cualitativa, Carmen Coronado Carvajal e María Jesús Movilla Fernández.