A mulleres do rural galego toman as rendas das TIC

mércores, 13 de xuño do 2012 Raquel Noya

A Xunta de Galicia, botando man dos fondos Avanza 2 do Ministerio de Industria destinados a atallar a fenda dixital en España, vén de por en marcha a iniciativa Tomando as rendas, que ten como obxectivo fomentar o autoemprego e o emprendemento entre as mulleres das zonas rurais do noso país, formándoas, de paso, en algo tan fundamental para isto como é o uso das novas tecnoloxías.
Este proxecto, que se desenvolverá nun total de 40 concellos galegos, está impulsado pola fundación Fundetec, a Plataforma Enlaces e Deglobé, e desenvólvese en Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar, a Secretaría Xeral da Igualdade e BIC Galicia.
Tomando as rendas, ademais de ofrecerlle solucións de autoemprego e emprendemento ás mulleres do eido rural para que poidan aproveitar as oportunidades empresariais que teñen ao seu redor, busca incentivar e transmitirlle confianza ás protagonistas da campaña no uso das novas tecnoloxías, a través de cursos de capacitación dixital complementarios.
Estes cursos impartiranse de xeito presencial nas aulas CeMIT de 40 localidades, a través do sistema de videoconferencia, en grupos de catro ou cinco concellos ata primeiros de xullo.
Trátase de cursos de capacitación dixital que se ofrecerán como complemento opcional á formación para o autoemprego, e que impartirán os axentes TIC das aulas CeMIT, que son os profesionais que se ocupan destes centros habitualmente. Así, as usuarias que o soliciten poderán acceder á formación dixital básica, xestión de empresa e capacitación en ofimática.
A través desta formación complementaria, as participantes na iniciativa “estarán preparadas para aplicar as novas tecnoloxías na elaboración do seu plan de empresa e na xestión do seu negocio, unha vez que sexa implantada a idea”, puntualizan dende a Amtega.

Talleres para elaborar un Plan de Empresa
Precisamente a última fase deste innovador programa é a elaboración dun Plan de Empresa, que se articula a través de cinco talleres en liña sobre coñecementos a nivel financeiro, contable e laboral requiridos para a elaboración dun plan de empresa. Estes talleres póñense a disposición das usuarias a través da plataforma oficial do proxecto.
Algúns dos concellos involucrados en Tomando as rendas son, Abegondo, Ames, As Pontes, Betanzos, Boiro, Cerceda, Mugardos, Ortigueira, Padrón, Monforte, Ribadeo, Guitiriz, Sarria, Quiroga, Barreiros, Celanova, Ourense, Verín, Manzaneda, Redondela, Ponteareas, Tomiño, Valga, Cuntis ou A Guarda, entre outros.

PUBLICIDADE