A mostra interactiva do Pacto Verde Europeo recala en Lousame

martes, 17 de setembro do 2024 S. P.

A mostra interactiva sobre o Pacto Verde Europeo do centro Europe Direct A Coruña (Deputación da Coruña) poderá verse ata o 27 de setembro na contorna da Casa da Cultura de Lousame. Trátase dunha exposición ao aire libre que busca achegar á cidadanía as políticas da Unión Europea para reducir emisións dos gases de efecto invernadoiro e que foi inaugurada na mañá deste martes 17 de setembro pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Limpeza Viaria, José Antonio Ces.
Silvia Agrafojo convidou á veciñanza de Lousame a visitar esta exposición, realizada con materiais reciclados e reutilizábeis, como fixeron esta mañá alumnos e alumnas de 1º da ESO do CPI Cernadas de Castro, que tamén desfrutaron dunha actuación de malabares, acrobacias e equilibrios con temática medioambiental.
“Sei que sodes conscientes de que temos que avanzar cara un sistema económico sostíbel, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos”, indicou a concelleira, quen lle pediu á rapazada que “convidedes ás vosas familias a visitar esta exposición ou, cando menos, a tratar este tema con eles pois, como se explica nos paneis da mostra, o obxectivo é acadar a neutralidade climática no ano 2050”.
A mostra busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil. A primeira delas é Estación Verde, unha contorna virtual en 3D na que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro Europe Direct A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.
Tamén está dispoñíbel o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room en liña deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web da Deputación da Coruña.
Europe Direct A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudarlle á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.