A mocidade investigadora reunida en Compostela salienta o valor do espírito crítico perante o que nos rodea

venres, 26 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A investigación, como outras cousas sempre abertas e en constante desenvolvemento, procúrase a si mesma. O libre fluír do coñecemento e das experiencias senta os alicerces dunha sociedade máis crítica e os logros do mañá son froito das investigacións de hoxe. Diso precisamente, de ir construíndo e compartindo, é do que está a tratar a primeira edición do Congreso Galego da Mocidade Investigadora que se desenvolve estes días na Facultade de Matemáticas da USC. O encontro, que está organizado polo Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP) e a Dirección Xeral de Xuventude, reúne a 150 mozos e mozas investigadores de máis de 30 departamentos das universidades galegas en sesións (relatorios, exposicións) que se estenderán até a última hora do serán de hoxe.
A idea básica do congreso é habilitar un espazo ceibe de atrancos para o tráfico da información e o fortalecemento do espírito crítico (ese que nos leva a rexeitar que as cousas que nos rodean están ben como están). En relación con isto último, houbo unhas cantas voces que pediron cambios nas circunstancias actuais dos investigadores. Por exemplo: máis apoio das institucións, menos desleixo por parte dunha ampla franxa do corpo educativo, meirande reciclaxe no profesorado, etc. A “cousa”, segundo puidemos escoitar, é mellorable.
Polas xornadas, que comezaron este xoves 25, están a pasar representantes das entidades públicas galegas vinculadas á investigación e á mocidade (como Rubén Cela, director xeral de Xuventude ou Salustiano Mato, director xeral de I+D), voceiros da comunidade investigadora da nosa terra (Jorge Pérez Maceira, de Precarios Galicia) e unha ben longa listaxe de mozos e mozas implicados directamente nalgún tipo de iniciativa encamiñada a achegar innovación e coñecemento á nosa sociedade. O abano temático de proxectos (rematados ou, nunha boa parte dos casos, sempre en desenvolvemento, é amplo: sobre arte (como por exemplo o de Martín Rodríguez Caeiro sobre a creatividade e o trasvase do coñecemento), sobre xeografía e historia (como o estudo de Paulo Martínez sobre a ortotoponimia na comarca de Barbanza), sobre novas tecnoloxías (como o de María Cristina Ceinos sobre as novas ferramentas de información ó servizo da orientación profesional) ou sobre a educación en si mesma (como o estudo de Pablo de Llano Neira sobre as liñas seguidas polo sistema educativo español ó longo das últimas décadas e a necesidade de mellorar certas “disfuncionalidades” do mesmo). Precisamente, foi Pablo de Llano Neira un dos máis críticos coas circunstancias que rodean hoxe en día ó tecido investigador galego, aproveitando a presentación do Grupo Esculca (no que participa activamente fomentando a educación cívica e democrática, no sentido menos político do termo) para pedir menos desleixo educativo e formativo e máis implicación dos corpos docentes e das institucións públicas responsables.
As xornadas continúan esta tarde coa concorrencia de máis investigadores vinculados ás ciencias sociais e ás experimentais. Entre outras moitas cousas, falarase da análise da comunicación de prensa pública galega, da problemática das eleccións na diáspora, da comunicación dos partidos galegos a través das súas webs, da simulación numérica de problemas de enxeñería ou da lonxitude das palabras no proceso de selección de termos en spamhunting.

PUBLICIDADE