A marca Lugo é Capital achegará enerxía extra á dixitalización do comercio da cidade

martes, 10 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A semana pasada o Concello de Lugo deu a coñecer un relevante avance ao servizo do comercio local nas redes sociais. Estamos a falar da marca Lugo é Capital, que aposta por salientar os múltiples puntos fortes dos establecementos lucenses a través dunha identidade única. A idea é que tanto a nivel offline como dixital os atributos que distinguen o tecido local do comercio queden sempre á vista e sexan facilmente identificábeis. En base a isto, Lugo é Capital preséntase como un novo impulso para facer subir o sector nos buscadores e nas ferramentas do ecommerce.
A iniciativa xurdiu do traballo entre a área de desenvolvemento local e emprego que dirixe Mauricio Repetto con colectivos vencellados ao comercio de proximidade, asociacións, e demais entidades, todas elas preocupadas polo emprego, por reter o talento en Lugo e por xerar riqueza no municipio. Segundo informaron Repetto e a alcaldesa Lara Méndez, en base ao devandito obxectivo compartido traballouse para unificar criterios a prol da competitividade dos establecementos buscando a implicación dos propios comerciantes para que se formen e reciclen e, tamén, “para que aproveiten sinerxías á hora de dar a coñecer o entorno comercial mediante campañas de publicidade nos medios de comunicación e redes sociais”.
A alcaldesa explicou que se “busca representar a un Lugo actual e moderno cunha imaxe que pretende conectar co público a través dun deseño moderno no que aparecen emoticonas mesturadas coas letras de Lugo”. E engadiu Repetto: “Preséntase así como unha ferramenta coa que o comercio local tradicional poida competir co comercio online facendo uso das súas armas”. Alén de todo isto, a campaña busca impulsar un sentimento de pertenza á cidade: “Queremos ofrecer una imaxe de optimismo e modernidade que facilite a implicación da poboación de Lugo na supervivencia do comercio local fronte ao comercio de grandes superficies e online”, aseverou a rexedora.
Respecto ás actividades concretas previstas, o Concello anunciou que desenvolverá “unha estratexia de dinamización, visualización e posta en valor do pequeno comercio”. A través dela buscarase dinamizar a cidade e animar a instalación de novos operadores no centro, dar apoio técnico mediante formación, crear alianzas con outras entidades, aumentar clientela e facilitar o acceso á dixitalización do pequeno comercio, entre outras cousas.

PUBLICIDADE