A investigadora galega Silvia García Méndez, premio Vodafone Connectig for Good

luns, 26 de xuño do 2017 Redacción

Vodafone segue a premiar a innovación social. Ou sexa, o desenvolvemento de recursos novos, de alicerce tecnolóxico, dirixidos a botar unha man no día a día de colectivos en risco de exclusión ou con atrancos de accesibilidade. Nesta liña sitúase a iniciativa Vodafone Connecting for Good, da que falamos recentemente en Código Cero para dar conta dos seus premios galegos. Porén, agora é a quenda de falar dos galardóns a nivel estatal, sobre todo por un motivo ben concreto: houbo presenza galega no palmarés. Segundo nos conta a Universidade de Vigo, a investigadora Silvia García Méndez, do Grupo de Tecnoloxías da Información de AtlantTIC, vén de obter un dos premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación que concede a Fundación Vodafone.
O seu proxecto, titulado Librería para a xeración de linguaxe natural en castelán, foi presentado a pasada semana na fase final do certame xunto con outros cinco traballos finalistas de todo o Estado e resultou gañador na categoría Accesibilidade TIC. O obxectivo do seu traballo é, nas súas palabras, “facilitar a comunicación de persoas con trastornos na fala a través da xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras”. Máis en detalle, a investigadora da EE de Telecomunicación explica que a proposta que presentou conforma o seu traballo fin de máster e “consiste nunha adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración automática de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras”. Esta librería foi integrada no comunicador PictoDroid Lite, unha aplicación desenvolvida polos investigadores vigueses do proxecto Accegal, co-dirixido polo profesor Enrique Costa e, como apunta García, “deste xeito puidemos probar a súa funcionalidade e utilidade”.
Lembrar que PictoDroid Lite é un comunicador pictográfico posto en marcha graza á colaboración durante varios anos entre o Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola Enxeñería de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela. Trátase dunha aplicación para dispositivos Android que permite ás persoas con certos tipos de transtornos que afectan á súa comunicación, como parálise cerebral ou autismo, comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Empregando pictogramas as e os usuarios poden expresar accións moi concretas e elaborando oracións sinxelas. Segundo reflicte a Universidade de Vigo, a achega da investigadora Silvia García nesta aplicación permite que os nenos e nenas con problemas de comunicación seleccionan pictogramas “e a librería xera de forma automática unha frase en linguaxe natural, como falamos nós”, destaca.
A obtencioón deste premio para a investigadora viguesa supón unha achega de 15.000 euros e a posibilidade de participar no Mobile World Congress de 2018 e nos obradoiros de formación Campus CDTI.

PUBLICIDADE