A investigación galega activa un hub para poñer o cálculo avanzado ao servizo das pemes
xoves, 17 de marzo do 2022
Este
16 de marzo presentouse
en Madrid, no Barrabés Growth Space, o proxecto Hub-PET MSO-ED,
cuxo obxectivo é achegar ás empresas tecnoloxía matemática
punteira feita na nosa terra co fin de axudalas a ser máis
competitivas, rendíbeis, eficientes, eficaces, flexíbeis e
innovadoras. O hub conta co apoio firme do Centro de
Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), AIMEN,
o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o Basque Center
for Applied Mathematics; contándose coa participación de compañías
como AIS Group e AnySolution, entre outras. Segundo se fixo saber na
presentación, o proxecto “establece conexións entre empresas e
mundo académico de maneira dinámica, e fomenta o compromiso e a
complicidade mutua”.
Na
cita participou a investigadora galega Peregrina Quintela,
catedrática de Matemática Aplicada, quen insistiu en que o hub
“permitirá pór no mesmo taboleiro de xogo a empresas e aos
xeradores de coñecemento, para que exista unha transferencia
bidireccional real e útil que conecte todo o tecido produtivo coa
academia”. Quintela, que é presidenta da Plataforma Española de
Tecnoloxías de Modelización, Simulación e Optimización nunha
Contorna Dixital (PET
MSO ED), promotora da iniciativa, resaltou que se trata dunha
iniciativa “pioneira en Europa” pois detrás deste portelo único
non só estarán entidades académicas de primeira liña, senón
tamén equipos de I+D, de grandes empresas como Repsol, Petronor ou
BBVA; así como outras máis pequenas como AIS Group, especialista no
desenvolvemento de aplicacións de Intelixencia Artificial, e
AnySolution, entre outras moitas.
Durante
a mesa redonda que pechou o acto houbo unanimidade en canto á
necesidade de “que existan este tipo de plataformas que permitan a
creación de ecosistemas de innovación aberta, xa que a conexión
entre a industria e os centros de coñecemento será fundamental para
vertebrar a economía durante os próximos anos”. Ademais, fíxose
fincapé na “versatilidade das matemáticas”, capaces de influír
en numerosos ámbitos empresariais utilizando ferramentas comúns.
Todos concluíron que é “clave” crear canles de comunicación
que permitan unha maior convivencia entre ambas as partes, “para
que a transferencia de coñecemento inflúa en maior medida no tecido
produtivo, favorecendo un maior desenvolvemento social e económico”.