A iniciativa virtual para defender os cabalos salvaxes galegos xa ten arredor de 10.000 apoios

mércores, 10 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A plataforma Change.org, destinada a canalizar o pulo dos colectivos internautas a prol dunha loita ou arela común, acubilla estes días unha nova iniciativa galega, logo de mobilizacións masivas como a relativa á tradución á nosa lingua de Twitter. Desta volta, o obxectivo é ben distinto e non ten nada que ver coas redes nin co virtual. Trátase de algo ben real: os cabalos salvaxes galegos. Segundo nos conta Santiago Bas López, o veciño de Pontevedra responsábel desta nova petición en Change.org, o que se busca con ela é salvar aos devanditos animais, tamén coñecidos como garranos, para que pidan seguir sendo silvestres e gozando do seu contorno, nos montes galegos. A mobilización, até o de agora, xa ten case 10.000 asinantes.
Foi posta en marcha hai dúas semanas cun obxectivo ben claro: lograr que o Goberno galego anule a parte do decreto 142/2012 que regula a devandita especie e os equipara aos animais domésticos. Isto, sinalan, significa que se “vai dificultar enormemente a tenencia destes cabalos, encarecéndoa con taxas e caros microchips identificativos, burocratizándoa e obrigando a acubillar aos animais en pastos rexistrados”. Segundo se engade, os garranos teñen “un alto valor biolóxico nos nosos montes, e constitúen unha das poucas poboacións de cabalos salvaxes que fican no mundo, amais de ser a máis grande de todas”.

PUBLICIDADE