A iniciativa para pedir a galeguización dos produtos de Apple continúa a sumar apoios

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Un grupo de entusiastas dos produtos de Apple levan uns meses xuntando forzas para reivindicar que Apple ofreza a posibilidade de empregar iOS e OS X en galego, para o que crearon unha conta de Twitter e unha páxina web, Queremos Apple Galego, e esta iniciativa iniciada por Diego Boquete e Brais Fortes vai sumando apoios, e agora tamén dan conta da súa iniciativa na Universidade de Vigo, dende a que o profesor da ETSE de Telecomunicación e coordinador de TelGalicia, Manuel Caeiro, tamén reivindica a galeguización do software de Apple. Caeiro comenta que “queremos animar a todos os usuarios de iPads e iPhones a elixir o idioma galego para os seus trebellos, é o noso particular xeito de dicirlle a Apple que o galego se utiliza e que deben contar connosco”.
Un dos primeiros integrantes desta iniciativa, Brais Fortes, tamén é alumno de Enxeñaría Industrial no ente educativo, e asegura que “persoalmente quero Apple en galego porque quero poder desenvolverme co meu ordenador ou coa miña tableta no meu idioma e porque quero que nas aulas nas que se empregan estes dispositivos o alumnado poida traballar e aprender na nosa lingua”.
Dende a iniciativa destacan que nos últimos meses xa se fixeron algúns avances, xa que as últimas versións de OS X e iOS xa contan coa posibilidade de configurar o galego como idioma adicional, facilitando a creación de aplicacións en galego, aínda que sen contar polo momento cunha interface traducida á nosa lingua. Tamén salientan que no ámbito das TIC hai unha forte presenza do galego, cunha comunidade de localizadores de software moi activa, o que contribúe a que poidamos vivir o noso día a día en galego.

PUBLICIDADE