A iniciativa Xabarín supera a liña dos 15.000 apoios

mércores, 27 de xaneiro do 2021 S. P.

A campaña da iniciativa Xabarín, lanzada pola Mesa para acadar apoios que propicien ampliar e modernizar a programación infantil e xuvenil en galego (cunha canle propia audiovisual e cunha aplicación móbil para todos os dispositivos que facilite o acceso aos contidos entre as novas xeracións), xa logrou 15.000 sinaturas. A iniciativa, que remata finalmente o 2 de abril, xa superou con moito o mínimo de 2.500 apoios necesarios para que as proposicións desta índole continúen os tramites parlamentares.
Para reforzar aínda máis os obxectivos da solicitiude popular Xabarín, a Mesa lanzou nas redes sociais a mensaxe Xa somos 15mil, mais aínda faltas ti e recorda ás persoas interesadas en mostrar o seu apoio que poden asinar os pregos oficiais en ducias de estabelecementos de toda a xeografía galega.
Como lembraremos, habilitouse un mapa na Rede que permite elixir os máis axeitados para cada quen.
A Mesa pola Normalización Lingüística amosou a súa satisfacción “pola grande resposta que está a acadar a inicaitiva, mostra da ampla demanda de audiovisual en galego, nomeadamente para a mocidade, con contidos propios e con oferta internacional dispoñíbel dobrada e lexendada ao galego”. Segundo informa Marcos Maceira, presidente da entidade, “mesmo en plena pandemia, coa imposibilidade de realizar actos de difusión da iniciativa e de reivindicación da necesidade do galego na televisión, a sociedade esta a responder". Con todo, engade, “precisamos que ninguén fique sen asinar para demostrar que somos miles e miles as persoas que queremos galego en toda a oferta televisiva, e conseguir que os grupos parlamentares vexan con claridade a forza da sociedade galega que demanda que a TVG lidere de novo a programación infantil e xuvenil cunha canle para todas as plataformas e unha app dispoñíbel en todos os dispositivos”, remata.
A proposta nos seus detalles
A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza insta á Xunta a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle Xabarín, con “programación atractiva, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha aplicación móbil actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos”.
A proposta insta tamén o Goberno galego a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e a TVE a emitir con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa app para o público infantil.

PUBLICIDADE