A informática, presente nos novos obradoiros de emprego do Goberno galego

martes, 21 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías estarán presentes no novo programa de obradoiros de emprego para menores de 30 anos que vén de presentar a Consellería de Economía. Trátase, en total, de dúas ducias de actividades formativas para 352 alumnas e alumnos de 57 concellos da nosa terra. Segundo informa o departamento da Xunta, os apoios que se veñen de conceder, que suman preto de 3,4 millóns de euros, permitirán desenvolver iniciativas centradas na informática e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aínda que tamén no deseño gráfico, na hostelería e o turismo, na industria ou no eido forestal, entre outros moitos ámbitos.
As accións mesturan a formación en si mesma co desenvolvemento dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante 9 meses.
Son beneficiarios da iniciativa que se vén de resolver, destinada a persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, as administracións locais (con prioridade para os Concellos Emprendedores), as asociacións de entidades locais e as mancomunidades.
En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol, Betanzos e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.
No tocante á provincia de Lugo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia dous obradoiros, promovidos polos concellos de Ribadeo e Lugo e nos que participarán un total de 32 alumnos.
En Ourense serán 47 persoas desempregadas as que se beneficien das iniciativas impulsadas pola agrupación formada polos concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño; a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.
Na provincia de Pontevedra desenvolverán obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos os concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Vigo, O Porriño, Moaña, Redondela, e Mos, ademais da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Serán un total de 127 as persoas beneficiarias.
Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2.000 persoas desempregadas, cunha achega de 30 millóns de euros. O obxectivo é pór en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses.

PUBLICIDADE