A industria discográfica pide a BitTorrent que lle bote unha man contra a piratería

venres, 7 de agosto do 2015 Redacción

O sector das grandes discográficas segue adiante ensaiando métodos para frear o seu pesadelo particular, a copia ilegal e distribución dos seus produtos. O novo recurso posto en xogo semella ser o de apelar á colaboración das canles que supostamente máis acubillan este tipo de prácticas, fornecendo a tecnoloxía para que os piratas poidan facer o seu. Desta nova estratexia xorde a carta que a industria de Estados Unidos (unida baixo as siglas RIAA) vénlle de enviar a BitTorrent co fin de animar aos seus responsábeis directos a tomar medidas para tirar partido da súa web e da súa tecnoloxía para frear a copia de arquivos protexidos. A petición a BitTorrent confirma o que xa se supuña: que as discográficas apenas poden facer ren por si mesmas e que os servizos P2P máis usados (BitTorrent, eMule) ostentan en Internet un papel referencial no que a actividade internauta se refire.
Para a RIAA non hai marxe de dúbida no que se refire á responsabilidade (grande) de BitTorrent no espallamento e mantemento da piratería musical. Na carta devandita, a entidade dilles aos responsábeis da canle que son culpábeis de incitar á descarga de arquivos protexidos, polo que lles esixe pór en marcha iniciativas que emenden a situación. Na misiva achéganse datos ao respecto, e dise que arredor do 75% dos 1,6 millóns de torrents descargados ilegalmente fixéronse a través de programas ligados directa ou indirectamente en BiTorrent. Os desenvolvedores deste servizo aínda non forneceron unha resposta oficial ao comunicado da industria.

PUBLICIDADE