A historia do clan Mishima péchase en Tekken 7

venres, 2 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Por fin sae á venda o xogo de loita Tekken 7 para Xbox One, PlayStation 4 e PC, que pode considerarse como o peche da súa trama, xa que conta cun modo historia no que se narra o épico final do clan Mishima, dando conta dos motivos de cada un dos pasos da súa batalla interminable.
O xogo desenvolveuse con Unreal Engine 4, e ofrece batallas espectaculares con cinemáticas narrativas e intensos enfrontamentos nos que non faltarán novas mecánicas de loita e, aínda que non sexa a mellor entrega da saga, os seareiros da mesma achegaranse para desentrañar os misterios e as motivacións que desencadearon os sucesos que puidemos seguir durante máis de dúas décadas.
Aínda que os xogos de Tekken naceron nas máquinas recreativas, convertéronse case en sinónimos da marca PlayStation, aínda que nos últimos anos a franquía evolucionou para converterse en multi-plataforma, de xeito que agora Tekken 7 é un xogo ao alcance dunha grande masa de usuarios, converténdose na serie de xogos de loita en 3D de referencia. As versións de consola saen a un prezo de 69,99 euros, destacando a edición de PlayStation 4 por contar con contido para PlayStation VR; a versión para PC parte dun prezo máis axustado (49,99 euros). Por 24,99 euros será posible facerse cun pase de tempada que ampliará a viaxe do loitador de Tekken 7 e abrirá o acceso a contidos descargables a prezo reducido.

Tráiler de lanzamento de Tekken 7

PUBLICIDADE