A gran festa galega das mozas e as mulleres tecnólogas contou coa participación de máis de 1.150 estudantes

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

Este 22 de abril celebrouse en Santiago, con conexión directa cunha manchea de centros educativos, a gran festa galega das mulleres tecnólogas, pasadas, presentes e, sobre todo, futuras. Estamos a falar da celebración da novena convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a edición galega dunha sobranceira cita internacional que se dirixe a botar abaixo atrancos á igualdade nas carreiras e nas profesións tecnolóxico-científicas. Participaron, con acceso por multi-conferencia á sesión celebrada no CESGA, máis de 1.150 estudantes, escoitando as experiencias (e os consellos) de catro mulleres representativas do sector tecnológo galego: Beatriz Paz, Ana Freire, Úrsula Martínez e Verónica Bolón.
Tamén interveu Fernando Suárez, presidente do CPEIG, quen lembrou que “a Enxeñaría en Informática é a profesión máis social do noso tempo” e “por iso facemos un chamamento ás estudantes para que estean máis presentes na sociedade do futuro”.
O evento galego veu novamente da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), entre outras entidades.

JPEG - 174.9 KB
María José Rodríguez Malmierca e Mauro Fernández no transcurso da xornada

A cita foi inaugurada por Patricia Argerey, directora de GAIN e presidenta do CESGA, e máis por Susana López Abella, secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Clausurou o acto o director do CESGA, Mauro Fernández.
Segundo confirmaron as entidades organizadoras, nesta convocatoria bateuse un récord de participación, “con máis de 30 centros e máis de 1.150 alumnas e alumnos desde 5º de Primaria a 2º de Bacharelato”. Departindo coas mozas e mozos, achegándolles claves para fomentar a igualdade e o respecto, ao tempo que mostraron os moitos elementos positivos que brindan as carreiras profesionais TIC, catro tecnólogas galegas expuxeron as súas experiencias en primeira persoa: a enxeñeira de Telecomunicacións, Beatriz Paz Santalla; a doutora en Enxeñaría en Informática, Ana Freire; a enxeñeira Aeroespacial, Úrsula Martínez Álvarez; e a doutora en Enxeñaría en Informática, Verónica Bolón Canedo.
Como colaborador desde hai anos nesta actividade, o CPEIG mostrou o seu convencemento sobre “a importancia que supón incorporar o talento feminino a un sector clave como o tecnolóxico”. O seu presidente, Fernando Suárez, explicou “que as novas tecnoloxías compren un papel estratéxico no cambio de época que se está a vivir, e en concreto, asegura que a informática é unha disciplina transversal a practicamente todos os sectores produtivos, desde a agricultura e a pesca á educación, cultura, sanidade, automoción, etc”. E engadiu: “A informática está en todos os sitios, e así quedou demostrado coa pandemia, e transformou a nosa sociedade ata o punto de que a cantidade de tecnoloxía que temos á nosa disposición abre novas oportunidades en todos os campos”.

Catro tecnólogas referenciais

JPEG - 170.7 KB
Participantes na xornada por multiconferencia dende o IES Armando Cotarelo Valledor en Sobradelo, Pontevedra

Sen dúbida o miolo da xornada foi a rolda de relatorios de Beatriz Paz, Ana Freire, Úrsula Martínez e Verónica Bolón.
A primeira en intervir foi Beatriz Paz Santalla, enxeñeira superior en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo (UVigo), que logo de falar brevemente da súa andaina formativa e profesional mandou unha mensaxe ás estudantes: “Cómpre que non nos asustemos polas dificultades que se lles presupoñen a estas disciplinas ou o mito do cerebrito illado do mundo. As persoas que traballamos no ámbito da tecnoloxía somos como calquera outra, con amigos e vida social”. Asemade, falou falou das oportunidades laborais que ofrece a tecnoloxía, un sector sempre na busca de gran cantidade de postos de traballo cualificados: “O futuro estano deseñando as empresas tecnolóxicas e os tecnólogos, por iso é tan importante que haxa máis mulleres no sector tecnolóxico para que non queden excluídas”. Beatriz Paz Santalla é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Mestrado en Seguridade da Información e Administración de Empresas, e co-fundadora da empresa GDI, empresa galega pioneira en ofrecer solucións de vídeo-conferencia, telepresencia e mobilidade.
De seguido, foi a quenda de Ana Freire, que aproveitou a ocasión para convidar ás mozas a descubrir o mundo da ciencia e a tecnoloxía, “porque non son ámbitos desconectados da sociedade, con aplicacións sociais moi diversas e necesarias, como a saúde ou a sustentabilidade”. Freire detallou o seu día a día laboral perante as e os estudantes, un día a día no que interactúa con profesionais de sectores moi diversos, viaxa e aprenden cousas novas acotío. Tamén afondou no proxecto STOP, que liderou hai máis de catro anos e no que se aplicaba Intelixencia Artificial para detectar problemas de saúde mental. Finalmente, presentou a iniciativa Wisibilízalas, destinada a dar a coñecer o bo facer de moitas mulleres que traballan en STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), para que lles poida servir de inspiración.
Ana Freire é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), onde traballa aplicando a Intelixencia Artificial a diversas necesidades sociais como a saúde mental. É directora do Centro de Estudos de Sostibilidade da mesma universidade e lidera Wisibilízalas. Recibiu numerosos recoñecementos polo impacto social da súa investigación, entre os que destaca o Premio ao Talento Xove Feminino Investigador, outorgado pola Fundación Real Academia das Ciencias e o premio Ada Byron, outorgado pola Universidad de Deusto.
Na súa intervención, Úrsula Martínez centrouse en explicarl o proceso a seguir nun proxecto de enxeñaría, desde que se pensa en algo ata que se obtén o resultado final. En particular, falou dun proxecto que fixo hai dous anos dun simulador de campo magnético terrestre, ilustrado con vídeos das últimas etapas do proxecto desenvolvido no Spanish User Support and Operations Centre (EUSOC), un centro de investigación espacial da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) delegado da Axencia Espacial Europea. Ademais, a enxeñeira aeroespacial explicou as súas prácticas no EUSOC na actualidade traballando no estudo do comportamento térmico de certos materiais na contorna espacial. Úrsula Martínez Álvarez é enxeñaría Aeroespacial, e está finalizando o Mestrado en Enxeñaría Areonáutica, especializada en vehículos espaciais. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Desde fai once anos, forma parte do proxecto de educación ambiental Climántica.
A rolda de intervencións rematou coa investigadora galega Verónica Bolón, que fixo un percorrido polos seus inicios na etapa escolar e pola súa inclinación temperá polas matemáticas e a física. “Na universidade descubrín que a informática é unha disciplina transversal, con moitas aplicacións e moi interesantes, nas que as matemáticas e a física xogan un papel moi importante”, dixo, ao tempo que lembrou que a súa aposta foi unha aposta decidida pola Intelixencia Artificial (IA), departamento dirixido por mulleres na UDC, e desde ese momento forma parte do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial). “Investigar en IA é moi satisfactorio xa que é unha material multidisciplinar e transversal que me permite abordar unha gran variedade de problemas. Teño creado algoritmos para axudar a detectar enfermidades (retinopatía do prematuro, apnea do sono, insuficiencia cardíaca), para detectar vertidos no océano, ataques en redes de computadoras ou mesmo para poder ser aplicados en dispositivos intelixentes do tamaño dun anel”, fixo saber.
Desde 2016 Verónica Bolón é profesora na Facultade de Informática da UDC, compaxinando as súas labores docentes cos traballos de investigación.

Máis detalles da celebración

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñería informática (CPEIG) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de Secundaria.

Patricia Argerey: “Non nos podemos permitir o luxo de prescindir do talento da metade da poboación”

JPEG - 108.9 KB
Patricia Argerey, directora de GAIN, e Susana López Abella, secretaria de Igualdade

Nos actos de celebración tamén interveu a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen inaugurou a xornada facendo un chamamento a pechar fileiras a prol da igualdade no ámbito tecnolóxico. “Non nos podemos permitir o luxo de prescindir do talento da metade da poboación”, asegurou Argerey, que animou ás rapazas presentes no acto a considerar as TIC como unha boa oportunidade profesional, “porque as mulleres podemos ser boas mestras, doutoras, avogadas, enfermeiras ou economistas, pero tamén somos boas nas materias relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas ou a enxeñaría”, engadiu.
Argerey referiuse a un estudo realizado pola Xunta en 2019 no que se reflectía que a presenza feminina no ámbito das TIC está lonxe de estar normalizada. Así, destacou que, desde o punto de vista da formación, é moi superior a porcentaxe de homes con titulacións relacionadas coas TIC, tanto a nivel de Formación Profesional como universitario. Pero, ademais, apuntou que, “se ben é certo que 70 de cada 100 empresas do sector TIC teñen mulleres contratadas, non chegan nin a dez nas que o colectivo de mulleres representa máis da metade do seu cadro de persoal. E este desequilibrio trasládase tamén de forma notábel aos postos de responsabilidade, que son ocupados maioritariamente por homes”.

PUBLICIDADE