A galega Vandal.net supera o millón de usuarios únicos

xoves, 5 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A páxina Vandal.net do noso compañeiro Pablo Grandío segue na súa liña de afianzamento como un dos sitios web referenciais no eido do videoxogos, tanto no ámbito galego e español como no internacional. As cifras acompañan e subliñan esta liña ascendente: no pasado mes de xuño e por vez primeira, Vandal superou o millón de usuarios únicos, segundo datos achegados por Google Analytics. Máis concretamente, informan os responsables da web, a auditoría do buscador para o devandito mes achega unha cifra de usuarios de 1.005.787, con 11.811.189 páxinas vistas, número este último que podemos completar (ou ben contrapoñer) co que que subministran as estatísticas internas: 16.801.563.
Para o noso colaborador Pablo Grandío, estas cifras son a proba de que se están a facer as cousas de maneira axeitada e de que hai seguir nese vieiro de innovación: “Durante os últimos meses a iniciativa medrou de xeito considerable, e agardamos continuar nesta liña, polo que xa temos en mente grandes novidades preparadas para os vindeiros meses, como un cambio de deseño e a incorporación de novas funcións”, comenta.

PUBLICIDADE