A galega Troposfera presenta unha aplicación de balde para coñecermos a calidade do ar

luns, 29 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

O ar das nosas cidades amosa niveis de gases nocivos e metais pesados en suspensión, por mor do tráfico rodado principalmente, que se ben non chegan a ser tan preocupantes como o das grandes urbes estatais, si que deben ser tidos en conta. E se non hai unhas administracións que nolo advirtan e leven a cabo medidas para frear eses niveis, ben está que se usen as novas tecnoloxías para teren informados aos cidadáns do estado no que se atopa un elemento co que teñen por forza que vivir: o aire. Aí, nesa preocupación medioambiental e nesa arela de fornecer recursos tecnolóxicos útiles á sociedade, é onde se insire a actividade da empresa galega Troposfera, que vén de lanzar unha aplicación de balde para coñecer a calidade do ar que respiramos.
E lembran que non se trata dun problema livián: hoxe en día a contaminación atmosférica produce 16.000 mortes prematuras ao ano. Ou sexa, dez veces máis cá mortalidade por accidentes de tráfico.
Segundo nos contan, un dos elementos que impiden dar cumprida visibilidade a este problema é sen lugar a dúbidas a súa propia invisibilidade. É dicir: como saber cos medios sensoriais que temos ao noso alcance que o ar que respiramos está ou non contaminado? Ben, en moitas ocasións é doado sabelo e calquera persoa que viva nunha cidade sabe onde atopar a mellor calidade atmosférica (lonxe dos lugares onde pasa máis tráfico e dos complexos industriais, evidentemente). Porén, hai unha ampla marxe de incerteza e para permitirnos clarificala é para o que xorde precisamente a ferramenta desenvolvida pola empresa galega, con sede en Ferrol e especializada na aplicación de tecnoloxías para o medio ambiente e o sustentábel.
Troposfera, dirixida por José Manuel Vellón, David Cartelle e Anxo Rodríguez, pon a disposición da cidadanía unha app de balde para dispositivos móbiles que permite consultar a calidade do aire en calquera punto de España. E lévao a cabo, informan, “a través dun sistema matemático novo de predición da polución do aire que ofrece datos cada dez quilómetros cadrados e baséase nas cifras de emisións procedentes, entre outros, dos niveis xerados pola gran industria ou o tráfico rodado”. Segundo conta David Cartelle, a ferramenta Troposfera QA pode descargarse gratuitamente a través de Play Store de Google e destaca dela “o seu sinxelo manexo, apta para calquera persoa, mesmo sen coñecementos informáticos”. Respecto do seu funcionamento, sinala que a aplicación é quen de amosar o ICA (Índice de Calidade do Aire) en calquera punto do mapa estatal a través dun xeolocalizador que permite situar a posición do usuario. “A partir de aí”, engade, “reflicte diferentes parámetros ambientais e a ponderación dos devanditos contaminantes que realiza o sistema matemático dá como resultado a calidade do aire do punto que desexamos coñecer”.
A súa utilidade final é alertar aos grupos de risco (anciáns, nenos, enfermos crónicos) das condicións probábeis de polución e así previr os efectos daniños na saúde. Ademais, a aplicación tamén permite acceder a ligazóns coas últimas novas de interese medio ambiental e relacionadas coa calidade do aire.

PUBLICIDADE