A galega Primux lanza app para permitir o uso de smartphones a persoas con problemas de visión

mércores, 23 de novembro do 2016 Redacción

A empresa galega Primux Tech, emprazada na Tecnópole de Ourense e centrada no deseño e desenvolvemento de trebellos electrónicos, vén de lanzar unha aplicación móbil de balde que é quen de crear unha interface nos smartphones que os fai (de maneira automática) accesíbeis para as persoas con problemas de visión. Segundo salienta Primux Tech, trátase da primeira ferramenta destas características que aparece no mercado. Podemos descargala xa plataforma Google Play para sistemas con Android.
O seu deseño é obra do departamento de I+D+i da compañía, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), grazas á iniciativa e á colaboración dun usuario con dificultades de visión. “A aplicación”, sinalan fontes da compañía e da Tecnópole, “non só adapta a contorna gráfica dos teléfonos intelixentes e engade novas funcionalidades orientadas a este público, senón que conta cun asistente de voz que lle facilita toda a información ao usuario”.
Polo tanto, a idea era facer doado e real o que para algunhas persoas con certas características de visión, en relación aos novos terminais, era case imposíbel. Segundo explica Daniel Rodríguez, director executivo da firma galega, cousas “saber canta batería ten o móbil, que hora é ou se hai conexión Wi-Fi e mesmo facer unha chamada pódese converter nun auténtico pesadelo para as persoas con dificultades de visión, pero con Primux Blind, só desprazando o dedo pola pantalla, salta un asistente de voz que facilita todas estas tarefas”.
A creación de accesos directos é outra das características da aplicación, “coa posibilidade de crear listas cos contactos máis habituais ou coas apps que máis se usan”. Por outra banda, os textos aparecen nun tamaño moito maior e os usuarios poden elixir o contraste de pantalla que se adapta mellor ás súas capacidades. A intención última dos responsábeis desta aplicación é evitar o desembolso que supón adquirir un terminal específico.
Segundo explica Primux, o desenvolvemento da aplicación é “froito dun proceso de innovación aberta”, un proceso que “naceu da demanda que un usuario con problemas de visión lle trasladou á empresa e que logo colaborou estreitamente co equipo de I+D de Primux axudándolle a enfocar adecuadamente as prestacións da nova app”. A empresa salienta que apenas é posíbel hoxe en día, a nivel europeo, atopar algunha outra ferramenta que xurdise directamente desta marcada vontade social, incluíndo un achegamento tan próximo á realidade do colectivo ao que vai destinada, “e moito menos de balde”.
A intención da compañía con Primux Blind foi aumentar a oferta de aplicacións móbiles gratuítas orientadas a facilitar a accesibilidade e a seguridade no emprego de smartphones “por parte de públicos especialmente vulnerábeis”. A firma ourensá lembra tamén que finais de 2014 lanzaba Help Launcher, deseñada para facilitar o uso dos teléfonos intelixentes aos maiores, e no verán de 2015 Help Launcher Kids, unha ferramenta de control parental para garantir a seguridade dos máis pequenos á hora de utilizar os seus móbiles.

PUBLICIDADE