A galega Primux achega unha app que permite ao persoal dunha empresa fichar co móbil

martes, 25 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Primux Tech, desenvolvedora e fabricante de tecnoloxías con sede na Tecnóple de Ourense, vén de lanzar unha aplicación móbil que facilita o día a día dunha empresa en relación aos novos regulamentos laborais, facendo máis doada a a súa operatividade. En termos máis concretos, a app permite que os empregados dunha firma poidan fichar co seu smartphone. A ferramenta diríxese a posibilitar que as empresas (en especial a PEME) poidan cumprir coa nova normativa de control obrigatorio da xornada laboral das súas traballadoras e traballadores.
Segundo informa a empresa, a ferramenta móbil distínguese no seguinte das que xa están no mercado: permite fichar co móbil só en caso de estar a menos de cinco metros do posto de traballo, para garantir a presenza requirida. Ademais, dispón dunha plataforma desde a que o administrador pode filtrar os datos por empregado, exportar informes e editar fichaxes, entre outras funcionalidades, “de maneira moi sinxela”.
Desde a tecnolóxica galega, explican que “a aplicación foi deseñada a raíz do uso que os españois fan dos teléfonos intelixentes”. Así, partindo da presenza practicamente total destes aparellos na poboación e dun deseño intuitivo da app en cuestión, Primux subministrou esta alternativa tecnolóxica para fichar a través do smartphone como “a máis facilmente integrábel na rutina dos empregados e na operativa das empresas”. Segundo o fabricante galego, esta fórmula “evita as aglomeracións á hora de fichar en dispositivos situados á entrada das empresas e a memorización e posíbel extravío dos códigos de rexistro por parte dos empregados”.
A aplicación está xa dispoñible en Google Play e na App Store, así como na web de Primux.

PUBLICIDADE