A galega Plexus leva os seus produtos tecnolóxicos a SIMO

martes, 4 de outubro do 2011 Raquel Noya

A firma tecnolóxica Plexus, con sede central en Santiago de Compostela e oficinas permanentes en varias cidades españolas, vai participar, por quinto ano consecutivo, na feira internacional SIMO, que dá comezo hoxe en Madrid e na que se dan cita as empresas máis punteiras do ámbito das TIC.
A compañía, que centra os seus esforzos no eido das telecomunicacións, desenvolvendo aplicacións e sistemas de información e provendo infraestruturas informáticas acreditadas, instalou o seu propio stand en SIMO, dende onde presentará a súa carteira de produtos tecnolóxicos de última xeración como o sistema de xestión de quendas, Quenda, o específico para grandes centros sanitarios, Quenda Medic e a solución de carteleiría dixital Anblick.
Quenda é unha innovadora solución que permite organizar a xestión das quendas de espera dos usuarios que acceden a determinados servizos públicos, minimizando o impacto das ringleiras e optimizando os recursos que se destinan á atención ao público. Deste xeito, a ferramenta facilita os servizos de obtención de cita, a recepción de usuarios ou a asignación de quendas de atención, entre outras cousas.
Trátase dunha plataforma integrada por unha infraestrutura de puntos de información multimedia que lle permiten ao usuario obter o seu ticket, así como acceder a outros servizos electrónicos a través duns paneis de visualización nos que se mostra todo tipo de información de utilidade.
O servizo permite, entre outras cousas, reducir o tempo de espera da cidadanía, mellorar a atención ao usuario, mellorar a imaxe da entidade que a usa e amenizar a espera do usuario, que mentres agarda pode consultar información de interese a través dos paneis multimedia.
Por outra banda, Quenda Medic é unha solución multicentro deseñada especialmente para responder ás necesidades específicas dos grandes centros sanitarios, que posúe as mesmas características que a ferramenta anterior e que ademais incorpora funcionalidades específicas do entorno sanitario, como son a identificación do paciente mediante a súa tarxeta sanitaria, o direccionamento do usuario cara as salas de espera e consulta e diversas ferramentas de utilidade para os facultativos.
O sistema tamén permite que o cidadán ou cidadá poida realizar determinados trámites electrónicos mediante kioskos electrónicos, como a obtención de xustificantes de asistencia a consulta, novas citas...
Por último, Anblick é unha solución de carteis dixitais (Digital Signage) multiplataforma, que permite o emprego de calquera tipo de pantalla ou display e a reprodución de múltiples tipos de contidos (imaxes, vídeos, animacións...). As vantaxes desta tecnoloxía sobre os sistemas tradicionais son a rapidez na creación e na distribución, o aforro de tempo e cartos, os contidos máis atractivos e a capacidade de personalizar o contido en función do lugar, o momento e o público ao que vai dirixida a mensaxe de maneira practicamente instantánea.

PUBLICIDADE