A galega Optare sitúase á fronte das consultoras tecnolóxicas estatais

venres, 27 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A consultora galega Optare Solutions, radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e especializada en achegar recursos avanzados ao sector das telecomunicacións (amais de ser impulsora de Optare Ventures, iniciativa de investimento en capital semente), vén de facer balance do acadado ao longo da súa traxectoria. Segundo veñen de informar os responsábeis da compañía, Optare foi quen de pasar de ser unha microempresa local “a consolidarse como unha das principais consultoras nacionais especializadas no sector Telco”, con máis de 150 profesionais. Estes e outros datos foron achegados durante a visita ás instalacións centrais da empresa da delegada do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa.
Durante a estadía de Pedrosa nas oficinas de Optare, o seu director xeral, Luis Alves, lembrou cales serían os elementos clave que lle permitiron á firma galega continuar coa internacionalización e o desenvolvemento ao longo destes anos: a aposta polo medre e a innovación. Alves tamén recordou as orixes de Optare, en 2002, e de como dende aquela foi quen de converterse nun “referente en emprego” e máis un exemplo de empresa innovadora, tal e como se refire no informe Ardán do ano pasado. Segundo fixo saber, só seis firmas galegas acadaron nesta edición a máxima categoría de 5 estrelas no indicador de Empresas Innovadoras 2017.
Cifras salientábeis
Ao peche do pasado exercicio 2017, o medre da compañía situábase no 50%, cunha facturación fóra de España que xa alcanza o 25% do total. Segundo fixo saber Alves, a diferenciación estratéxica de Optare pasa por ofrecer “un servizo integral de asesoramento aos seus clientes, acompañándoos ao longo de todo o proceso e atendendo as súas necesidades tecnolóxicas”. Segundo engadiu, a día de hoxe “a empresa atópase situada moi por riba da media galega, en canto a innovación, medre e máis espallamento internacional; o que tamén a consolida como un socio estratéxico para proxectos tecnolóxicos globais”.
Durante a visita da delegada, que estivo acompañada por Rosa Eguizabal, directora de Promoción Económica, e Teté Vilar, Responsable da área de Emprendemento, a dirección de Optare explicou os seus plans de impulso, que lle permitirán continuar apostando polo talento galego e ampliar o seu persoal actual de máis de 150 profesionais que desenvolven o seu traballo desde as oficinas de Vigo, Ourense, Madrid e Cidade de México.

PUBLICIDADE