A galega OnTouch desenvolve un software de clasificación facial útil para a publicidade

luns, 3 de outubro do 2011 Raquel Noya

A firma compostelá OnTouch, especialista en innovación para a publicidade e socia de EGANET que o pasado ano se fixo co Premio Innova-g á Mellor solución tecnolóxica móbil, vén de presentar o seu último proxecto tecnolóxico a disposición das firmas de marketing e publicidade do país: un software de clasificación facial que recada información sobre os usuarios e clasifica ás persoas por sexo e idade de maneira automática.
O produto vén de facerse co Premio ao Mellor Sistema de Medición de Audiencias na feira de marketing móbil e cartelaría dixital máis importante de Europa, a TOTALMedia 2011, celebrada en Madrid, onde seduciu ao público asistente pola súa eficacia e viabilidade.
Segundo afirman os seus desenvolvedores, “o servizo analiza a repercusión que ten a publicidade nos diferentes segmentos da poboación, optimizando así os recursos e os resultados da campaña da empresa contratante, coñecendo perfectamente o tipo de público ao que apela e a partir do cal pode obter os seus beneficios”.
Máis polo miúdo, trátase dun sistema de segmentación activa e medición de audiencias que funciona a través do fluxo de vídeo e dunha análise biométrica posterior, que recolle a información por medio dunha cámara e recada datos de utilidade para unha correcta segmentación do público.
Xa que logo, o sistema non só é quen de rexistrar se o público que visualiza un anuncio é home ou muller, senón que tamén pode “detectar” a súa idade aproximada e clasificar aos usuarios segundo uns rangos de idade.
Entre as aplicacións máis importantes deste servizo destaca a posibilidade de personalizar máis a publicidade, concretando mellor o tipo de público ao que se dirixe unha empresa, e mellorar a posterior medición das audiencias dunha campaña determinada, desenvolvida no entorno dixital.
O Software de Clasificación Facial de OnTouch foi desenvolvido cos últimos avances tecnolóxicos, grazas aos cales se pode facer unha clasificación moi precisa dos rangos de idade do público (de dez en dez anos), unha diferenciación entre tempo de presenza e tempo de atención do usuario, e incluso detectar a pel para diferenciar a unha persoa doutra.
Din os seus responsables que este servizo de software “ten moitas aplicacións posibles no mercado, tal e como a súa posición nos escaparates de calquera tipo de establecementos, que poría en marcha as calidades descritas anteriormente, ou como a súa colocación dentro do mundo da publicidade en punto de venta”.
Co recoñecemento obtido en Madrid, os seus responsables aseguran que a ferramenta se establece “como un complemento perfecto para o anunciante, posto que coa súa funcionalidade extra, logra optimizar as campañas segmentando as mensaxes enviadas segundo o público obxectivo”. As campañas multiproduto, engaden, “conseguen ser máis fáciles de realizar, en vez de apoiarse en varias campañas para varios produtos, aforrando en medios e recursos, o que sen dúbida, optimizará os beneficios do cliente anunciante”.

PUBLICIDADE