A galega Imatia dá novos pasos na transformación smart das cidades de Brasil

mércores, 6 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A firma galega Imratia segue incrementando a súa presenza no gran xigante económico de Latinoamérica: Brasil. O máis recente proxecto da empresa TIC no país vén de centrarse no concello de Mogi das Cruzes, no estado de São Paulo, que vén de dar o paso definitivo para converterse nunha Smart City nos vindeiros anos.
E farao coa axuda de Imatia, precisamente, e ao abeiro do Projeto Breogán, que expón a modernización das cidades brasileiras “desde unha perspectiva que foxe dos ciclos electorais e aposta polo modelo PPP (Parcería Público-Privada)”, sinala a firma da nosa terra, engadindo que baixo o paraugas de Breogán xéranse iniciativas a longo prazo (até 20 anos) nos que se combina investimento público e privado para converter a cidade obxectivo nunha Cidade Intelixente. Ademais, faise fincapé en que a transformación sexa eficiente e sustentábel, e que garanta o retorno a curto, medio e longo prazo para todos os interesados.
A primeira fase do proxecto consiste nunha PMI (Procedimento de Manifestação de Interesse) mediante a cal as empresas de Projeto Breogán analizarán o estado actual da Prefeitura e deseñarán un plan de ruta para converter a Mogi das Cruzes nunha Smart City, incluíndo, entre moitas outras accións, a implantación por parte de Imatia dunha plataforma de e-Government baseada no seu produto Cividas, da súa nova solución de goberno intelixente e doutras solucións departamentais.
“Grazas á utilización desta plataforma electrónica”, engade Imatia, “os cidadáns poderán relacionarse coa administración a través de Internet permitindo xestionar procesos e expedientes de forma remota xunto cunhas maiores axilidade e transparencia da xestión pública da cidade”.
Pola súa banda, a plataforma de Smart Government permitirá integrar, cruzar, analizar e presentar todos os datos (internos e externos) dos que dispón a Prefeitura para axudar aos seus responsábeis na toma de decisións.
O obxectivo final do proxecto é converter Mogi das Cruzes nunha Cidade Intelixente con conectividade de última xeración, cobertura Wi-Fi en toda a cidade con accesos locais de balde para os cidadáns e seguimento intelixente a través de cámaras de seguridade para velar pola seguridade das veciñas e veciños. Amais, a idea é integrar todos os servizos de educación, saúde, seguridade, comunicación e transporte para que estean dispoñíbeis e conectados de maneira sinxela co cidadán.
Mogi das Cruzes únese desta maneira a outras cidades como Valinhos, Cariacica, Olinda ou Campina Grande nos que Imatia colaborou na súa evolución cara a modelos smart.
No Projeto Breogán Imatia colabora con empresas como Breogán Innovation, SSR Tecnoloxía ou as españolas Ofica e AVA.

PUBLICIDADE