A galega Igalia destinará cada ano o 0,7 % da súa facturacións a ONGs
martes, 29 de xaneiro do 2008
Igalia, a compañía galega do sector tecnolóxico vén de anunciar que destinará o 0,7 por cento da súa facturación entre os meses de novembro de 2006 e 2007 (superior a 1,2 millóns de euros) a tres Organizacións Non Gobernamentais. A iniciativa vai ter continuidade con periodicidade anual e favorecerá a aquelas entidades sociais que estean de acordo cos Obxectivos do Milenio definidos polas Nacións Unidas e que pasan por traballar a prol da erradicación da pobreza extrema, lograr o ensino primario universal, promover a igualdade de xéneros, combater pragas e andazos para reducir a mortaldade infantil e mellorar a sosteñibilidade do medio ambiente.
Igalia escolleu a Intermon Oxfam, Unicef e Médicos sen Fronteiras para facer efectiva a primeira doazón (que ascende a 9.964) que irá destinada a partes iguais a programas das tres ONGs.
Outra das iniciativas de Igalia para este novo ano é dirixir unha partida económica a desenvolver accións que melloren a calidade de vida, que concilien a faceta profesional coa persoal e que melloren a formación da súa equipa de traballadores. Desta maneira, Igalia ofrece ós seus empregados distintas posibilidades e beneficios como:
-Poder acceder a un horario libre e realizar mediante teletraballo 3/8 partes da xornada semanal.
-Seguro privado de saúde.
-Sesións de fisioterapia preventiva.
-Clases de inglés na oficina e axudas para estancias no estranxeiro.
-Cheque-gardería para traballadores con fillos.
-Tres horas libres semanais para colaborar en proxectos de software libre.
Malia que máis da metade da facturación de Igalia procede de clientes de fóra de España, a empresa segue sendo fiel á súa idea inicial: “Software libre dende Galicia para o mundo”.