A galega Hipoqih achega xa servizos de xeolocalización en liña a máis de 4.000 usuarios

xoves, 13 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Presentación de Hipoqih durante a conferencia californiana Where 2.0

Hipoqih é un nome que non se esquece de boas a primeiras. Un deses nomes que se os dobras pola metade verás que o comezo e máis o final coinciden e punto por punto. Dende o punto de vista visual, así en negro sobre branco, o termo é coma unha letra “o” perfectamente situada e localizada. Non en van, diso é do que se trata: de dicirlles ás nosas amizades e ós nosos familiares onde estamos exactamente e todo elo a través dunha web, hipoqih.com, e un plugin que se descarga nun equipo ou terminal móbil con acceso á Rede e GPS. Logo, só queda que a xente nos siga por un mapa a través da Internet. Falamos pois dun novo elo na cadea da comunicación total, participativo e de balde, habilitado dende A Coruña por un equipo de sete seareiros da tecnoloxía que xa viron cómo a súa criatura era nomeada en prestixiosos certames da Web 2.0 e cómo se lles requiría no mesmísimo Sillicon Valley para falar sobre ela.
O caso é que en Código Cero tivemos ocasión de albiscar as moitas posibilidades dunha ferramenta coma esta, que xa conta con 4.000 usuarios de diversos recantos do mundo, mesmo en Suecia, onde polo visto hai auténticos seareiros a tempo completo.
Falamos con Diego, Javier, Alberto, Eduardo, Rowena, Carmen e Andrés.
-Imos en orde. De onde vén o termo "Hipoqih"?
-Hipoqih é case un palíndromo e gustounos porque ten a vantaxe de que é simétrico, e pódese ler por diante e por detrás ;-)). Buscamos un nome que non tivese significado algunha en lingua algunha e que fose único.
-Brevemente e para que se entenda. Como lle presentariades Hipoqih a unha persoa que nunca o tivese probado?
-É unha web que te compartir a súa posición no mundo. Con ela podes facer que os teus amigos saiban onde estás e saber onde están os teus amigos. Está composto dunha web e dunha aplicación (plugin) que se instala nun ordenador ou terminal móbil con acceso a Internet e GPS. Ademais, achégate a posibilidade de enviar mensaxes a unha posición xeográfica concreta que recibirás cando te aproximes a ela.
-Que é preciso dende o punto de vista tecnolóxico para participar?
-É moi sinxelo, con darse de alta na web xa abonda para comezar a compartir a túa posición co resto do mundo a través dun mapa no noso sitio. Porén, con fin de sacarlle o máximo proveito o mellor é usar un "aparello" (teléfono, PDA, UMPC) con GPS e instalar logo o plugin de Hipoqih. Deste xeito, poderemos compartir a nosa posición en tempo real con moitísima precisión. A aplicación Hipoqih está agora dispoñible para Windows XP, Windows Mobile, Windows Smartphone, Nokia S60 e Blackberry. Axiña lanzaremos versións para Linux e Mac.
-Xa levades máis dun ano en activo con este proxecto e dende a cidade da Coruña. Como se orixinou? De cal das vosas cabezas saíu a idea e en base a que motivacións?
-Tres dos enxeñeiros de Hipoqih estabamos a traballar a mediados do ano pasado en consultoría tecnolóxica para a administración en distintas empresas consultoras. Logo de moitos anos, o noso escenario laboral era cada vez máis semellante ás tiras de Dilbert, e entón comezamos a argallar ideas de proxectos para Internet. Deste xeito, chegamos a Hipoqih. Somos uns geeks fanáticos dos gadgets e pensamos que os dispositivos móbiles conectados a Internet con potencia de cálculo e capacidade vanse converter no dispositivo de acceso a Internet máis habitual nos vindeiros años e unha porcentaxe moi alta destes aparellos terán GPS integrado. Ademais, sería unha mágoa dispor dun sistema tan sofisticado como o GPS e non sacarlle máis proveito alén do TomTom.
-Faládenos do nivel de aceptación da ferramenta.

Probando Hipoqih nun portátil

-Xa temos máis de 4.000 usuarios rexistrados por todo o mundo. O país máis participativo en Hipoqih é Estados Unidos e despois España. Tamén temos algúns usuarios moi activos en Suecia que comparten a súa posición de xeito permanente as 24 horas do día!. Polo de agora, moitos son xente que fica abraiada polo sistema e que está a probalo.
-A quen lle pode interesar que se saiba en todo intre onde se atopa? Non haberá sitios nos que nos movemos e situacións que preferiríamos manter en segredo?
-As posibilidades son ilimitadas. Poderías empregar Hipoqih para seguir ós barcos dunha regata en tempo real. O usuario ten o control sempre. El mesmo pode conectar ou desconectar o sistema de xeito sinxelo e inmediato. É como usar o chat ou Twitter, son sistemas que conectas a determinadas horas ou determinados días. Polo que respecta ó tema da privacidade, temos que dicir que é unha pregunta habitual, pero hai unha resposta doada para iso: o conectas cando queres que te vexan ;-))
-Tendes algún exemplo curioso de usuario de Hipoqih que requirise os vosos servizos por razóns especialmente singulares?
-En liñas xerais, case todo o mundo quere ter localizados os seus amigos e familiares. Tivemos un usuario que quería facer unha viaxe en ultralixeiro por Estados Unidos e retransmitilo a través de Hipoqih!. A verdade é que non sabemos exactamente o que fan os usuarios porque o sistema garante o anonimato e só se pide un nome de usuario e un enderezo de correo electrónico, polo que non temos datos dos internautas inscritos. O que si sabemos é que os empregos son moi diversos. Realmente, son os usuarios os que lle atopan diferentes utilidades a Hipoqih.
-Pero haberá quen vos escriba ou se comunique con vós para relatarvos a súa experiencia. Que vos contan os usuarios en xeral? Están contentos? Anímanvos a mellorar?
-Son usuarios entusiastas. É reconfortante e anima moito a continuar recibir correos de parabéns de todo tipo de xente e desde todo o mundo. E si, anímannos a seguir, envían suxestións e están ledos, sobre todo porque é un sistema de balde. Estamos moi pendentes do que nos contan os usuarios para mellorar Hipoqih.
-Cara á onde ides co voso proxecto? Tendes máis iniciativas na bandexa de saída? Que lle responderiades a unha persoa que vos preguntase: e mañá, que facemos?

Hipoqih en Google Earth

-Temos unha morea de ideas para desenvolver! Agora estamos centrados en mellorar a web e facela máis social e máis divertida, e estamos tamén a traballar na nova versión do plugin, que terá chat e algunha funcionalidade máis. Ó longo dos vindeiros meses lanzaremos moitas novidades e melloras que estamos seguros que gustarán ós usuarios. Queremos crear unha comunidade de Internet baseada no GPS.
-Sodes un exemplo de empresa con raíz en Galicia que está a atraer usuarios e recoñecemento (fostes nomeados no Startup 2.0 como unha das mellores novas propostas da Rede en Europa). É posible polo tanto facer cousas innovadoras sen ter que irse a onde se supón que están os centros neurálxicos da tecnoloxía?
-Por suposto que si. En Internet importan moito máis as boas ideas e o enxeño que o lugar físico da empresa. Tamén é certo que o caldo de cultivo onde medran de xeito máis doado as boas ideas en Internet está lonxe de Galicia. Por iso é importante estar en contacto co resto do mundo e darse a coñecer nos sitios onde máis te poidan entender e valorar. A finais de maio viaxamos a Sillicon Valley en California para presentármonos o noso proxecto nun dos relatorios máis importantes que se celebra alí sobre Internet e xeolocalización. Foi unha experiencia interesantísima que superou as nosas expectativas e o proxecto tivo moi boa acollida. Sempre tivemos claro que tamén hai que estar nos sitios punteiros sen medos nin complexos.
-Cantos sodes e de onde procededes?
-Somos sete, Diego, Javier, Alberto, Eduardo, Rowena, Carmen e Andrés. Case todos somos galegos e case todos vivimos na cidade da Coruña.

PUBLICIDADE