A galega Balidea ampliou coa súa presenza en Dinamarca os seus horizontes tecnolóxicos

venres, 28 de outubro do 2016 Redacción

Varios estudos e informes internacionais teñen cualificado a Dinamarca como o país onde os seus habitantes son máis felices. É tamén a terra dos viquingos, o máis meridional dos países nórdicos, o país menos corrupto do mundo, o máis igualitario e o territorio das máis de 400 illas, incluídas as rexións autónomas de Grenlandia e as illas Feroe e só unido a Europa por unha fronteira de 68 quilómetros con Alemaña. Segundo a revista Forbes, ten tamén un dos mellores climas do mundo para facer negocios. Ademais, ocupa os primeiros postos no Networked Readiness Index, o índice que mide o proveito que os países lle sacan ás TIC. Para a empresa galega Balidea, con sede central en Compostela, a opción “danesa” resultou ser dende os comezos especialmente axeitada para os seus plans de ampliación de horizontes tecnolóxicos. Foi, en palabras da firma, “unha viaxe cara ao país da felicidade”.
Son moitas as circunstancias que favorecen o benestar neste país e Jorge Rodríguez, xestor de proxectos de Balidea Dinamarca, percibiunas dende o primeiro día de visita en Copenhague. “A xente coa que te cruzas sempre vai cun sorriso, non se ve tanto ensimesmamento e caras longas como aquí”, comenta. Nesa primeira impresión quedou sorprendido tamén pola morea de nenos e nenas que se ven pola rúa, cunha alta porcentaxe de xemelgos. “Sorprendeume moito a actitude dos pequenos, pois semellan moito máis tranquilos que aquí”, engade. Sen dúbida, a danesa é unha sociedade moi familiar e ese pode ser un dos piares desa aparencia ditosa, así como un ritmo de vida relaxado, unha alimentación saudable, o confort do fogar, a práctica inexistencia de paro e a boa situación económica.
Afabilidade tamén no eido profesional
A ledicia e o ritmo sosegado trasládanse a todos os ámbitos, tamén ao profesional, polo que traballar con daneses resulta doado, malia as diferenzas laborais e culturais. Os horarios son completamente distintos aos nosos, nunha franxa que adoita ir de oito da mañá a cinco da tarde. Son extremadamente puntuais e organizados. Jorge Rodríguez subliña que “para os daneses pasarse un minuto da hora é chegar tarde, iso si, tanto para entrar como para saír”.
Son rigorosos, pero tamén cos descansos. Durante a xornada é normal facer unha parada cada hora ou hora e media. Nas reunións longas faise ao menos un descanso, marcado previamente na convocatoria. “Cando chega a hora, xa podes estar ante a toma da decisión máis importante, que se respecta o receso”, asegura o xestor de Balidea. É raro que un danés se estrese ou se poña nervioso. Gústalles que se cumpran os prazos, pero entenden que teñen que ser realistas. “Mentres que aquí tendemos a dicir que si a todo, alí con argumentos os tempos son xustificables e nunca se cuestionan as horas de traballo”, explica Rodríguez.
Un dos costumes no eido profesional que máis sorprendeu en Balidea foi o afán por celebrar cada fito dentro dun proxecto, por moi pequeno que sexa e con todos os actores involucrados nel. “Nalgunha ocasión mesmo nos teñen enviado por correo botellas de champaña para unirnos á celebración por videoconferencia”, afirma o xestor da empresa galega. Un deses principais logros para Balidea foi converterse en 2013 no socio tecnolóxico que precisaba a Axencia Danesa da Enerxía para impulsar o seu plan de aforro enerxético. Dende entón encargouse da renovación de todos os seus portais web e do desenvolvemento de novas ferramentas pensadas para axudarlle á cidadanía a optimizar o seu consumo de enerxía.
O itinerario da eficiencia enerxética
“Deseñamos o que se podería denominar o itinerario da eficiencia enerxética”, resume Jorge Rodríguez, é dicir, unha ducia de aplicacións que lle permiten ao usuario analizar a mellor maneira para acadar un aforro enerxético e mellorar a etiqueta enerxética do seu fogar. Estas ferramentas van dende un portal que recolle un modelo xenérico de renovación dunha casa para facela máis eficiente, ata outros que ofrecen informes sobre a etiquetaxe enerxética oficial das vivendas e como mellorala, que poñen en contacto os usuarios con consultores enerxéticos autorizados, que suxiren o mellor sistema de calefacción segundo as características de cada vivenda, que permite acceder a unha base de datos de profesionais e empresas instaladoras ou unha calculadora web de préstamos para afrontar as reformas.
Botándolle unha ollada aos organismos públicos homólogos no noso país, non existe ningún servizo semellante. “O enfoque medioambiental e a aposta polas enerxías renovables nos países nórdicos é moi forte e realmente moi apoiado politicamente, o que significa que están dispostos a investir fortemente en solucións tecnolóxicas”, asegura Anders Elfving, director de de negocio de Balidea nos Países Nórdicos. Para trasladar o modelo a outros lugares considera fundamental ese interese político e a existencia de datos de consumo, “que en moitos casos están en mans das empresas enerxéticas”.
Sendo o confort no fogar un dos alicerces da felicidade danesa, mantelo a boa temperatura cun consumo razoable é un gran reto. “Aínda que vaia moito frío fóra, dentro dun edificio podes estar en manga curta”, comenta Jorge Rodríguez, polo que a eficiencia dos sistemas de calefacción é unha preocupación xeneralizada. En calquera caso o itinerario devólvelle ao cidadán o aforro e o tempo de amortización en función do investimento requirido para a mellora. Unha vez completado o proceso, as vivendas reformadas poden pasar a formar parte doutro portal deseñado por Balidea que recolle casos de éxito.
Outros proxectos en Dinamarca
Como relata Anders Elfving, a irrupción de Balidea en Dinamarca chegou tras gañar un concurso público en colaboración coa consultora enerxética Viegand Maagøe e o estudo de deseño 1508. “Foi un proxecto moi bonito, co que acadamos bastante éxito e nos permitiu emprazarnos como desenvolvedores de solucións tecnolóxicas para a eficiencia enerxética”.
Dentro do mesmo sector, pero no ámbito da empresa privada, a firma galega deseñou unha calculadora de enerxía para a compañía danesa Scan Energi. Co nome de HusetsEnergi, esta aplicación ofrécelles aos clientes da enerxética unha visión xeral do seu consumo e unha estimación de aforro a partir dunhas recomendacións de mellora.
De xeito paralelo xurdiron outros proxectos noutras áreas de actividade diversa. Un deles foi o desenvolvemento do portal web da empresa de recursos humanos Ennova, unha plataforma de recrutamento para a avaliación de candidatos. Cunha orientación similar, Balidea encargouse tamén da construción do espazo en internet de Kalto.dk, que ten como obxectivo poñer en contacto empresas e consultores freelance.
Entre outras iniciativas, Anders Elfving salienta a colaboración coa distribuidora de publicidade BlacwoodSeven e a cooperación continuada con diferentes consultoras como Netmester, Soprasteria e Progressive. Ademais, Balidea vén de homologarse con dous novos clientes de moita importancia, o concello de Copenhague e a SDB, a empresa de ferrocarrís danesa.
“A pesar desa especialización no ámbito enerxético, a nosa experiencia en Dinamarca non é tan homoxénea e traballamos en diferentes sectores e tipos de proxectos”, sinala Elfving. Segundo o director de negocio, “agora toca consolidar a implantación e buscar expandirse na zona trasladando os nosos modelos a outras rexións de Escandinavia”.
Líder no avance tecnolóxico en Drupal
O conxunto dos proxectos desenvolvidos por Balidea en Dinamarca serviulle para acadar un profundo coñecemento do sistema de xestión de contidos Drupal. No caso das ferramentas desenvolvidas para a Axencia Danesa da Enerxía lograron un dos principais avances neste sistema, conseguindo interrelacionar todas as aplicacións entre si, de maneira que o usuario tan só ten que introducir os datos unha soa vez. “Crear ese fluxo entre aplicacións foi todo un reto para nós e non vimos un avance tecnolóxico de Drupal similar en ningún outro portal”, mantén Jorge Fernández.
Isto serviulle a Balidea para emprazarse como unha das principais empresas desenvolvedoras de tecnoloxía Drupal en España. A partir desta experiencia comezaron a colaborar coa Asociación Española de Drupal e a participar na Drupal Camp. “Decatámonos de que ninguén estaba facendo algo parecido e que gañaramos moitísima experiencia en Drupal, pola que recibimos críticas moi positivas”, destaca Anders Elfving.
En definitiva, a experiencia danesa serviulle a Balidea para sacarlle máis xugo á tecnoloxía e á vida, ampliando coñecementos na terra da felicidade.
Balidea en Dinamarca en cifras
Ano de implantación en Dinamarca: 2012
Número de proxectos desenvolvidos: máis de 20
Facturación anual: 1 millón de euros

PUBLICIDADE