A galega Appeiros achega a posibilidade de alentar aos equipos de fútbol axitando o móbil

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

Alentar ao equipo de fútbol axitando o móbil na man ten a partir de agora unha razón, pois a empresa coruñesa Appeiros Mobile Development S.L. vén de crear unha aplicación para teléfonos intelixentes chamada Apporellos que permite dar azos ao equipo de fútbol favorito de cadaquén tomando os niveis enerxéticos de animación (movemento do dispositivo e nivel auditivo), iso si, polo de agora só as equipas da primeira división da liga española sentirán os folgos dos seus seareiros. Dende Appeiros indican que para a vindeira tempada de fútbol teñen prevista a achega das principais ligas de fútbol europeas (Premier League, Bundesliga ou o Calcio) amais de estender esta ferramenta a outros deportes e competicións.
A dita app é gratuíta e atópase dispoñible para Android e iPhone, cunha versión en castelán e unha traducida ao inglés. Apporellos permitirá que a/o seareira/o transmita ánimo ao seu club amais de indicar onde está a ver o partido (nun bar, no estadio, na casa...). E como se emprega? Pois mediante unha interface sinxela e intuitiva o usuario só ten que axitar o seu terminal e a aplicación encárgase de realizar os cálculos da enerxía cinética xerada. Asemade, aproveitando o micrófono do dispositivo tamén calcula unha aproximación da enerxía xerada polos berros de ánimo dos afeccionados. Tomando estes datos -e a través de fórmulas matemáticas- obtéñense as calorías gastadas polo afeccionado, a suma destas calorías conformará unha táboa por equipos na cal non importa se o equipo gañou ou perdeu no terreo de xogo, tan só importa o alento que transmitiron os seus seguidores. Deste xeito, con Apporellos será posible saber cal foi a mellor e máis axitada das bancadas.

PUBLICIDADE