A gala de clausura do Festival Amal será retransmitida en directo pola Rede

venres, 28 de outubro do 2011 Redacción

O Festival de Cine Amal, dirixido a tender pontes entre a nosa cultura e a cultura árabe, chega esta fin de semana á súa recta final. Sen ir máis lonxe, este sábado 29 ás 20.00 horas celebrarase a gala de clausura do certame, un acto que reunirá a personalidades do ámbito cinematográfico, político e social “de gran relevancia”, informa a organización. Por certo que o devandito evento, que servirá tamén para facer entrega dos premios aos gañadores, da man da presentadora María Mera, será retransmitido en directo pola Rede, dende a páxina web do festival.
Como dixemos, a actriz e presentadora María Mera será a encargada de conducir a gala. Esta, informa a organización, promete ser “unha gran festa do diálogo e a tolerancia, celebrando a gran acollida que tivo o certame tanto a nivel nacional como internacional por parte do público e medios de comunicación”. No acto estarán presentes o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roi, o secretario xeral de Medios, Afonso Cabaleiro, Anxo Currás, concelleiro de Cultura e Juan Casares Long, reitor da USC. O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim abrirá o acto. Ghaleb Jaber Martínez, director do Festival Amal, será quen o clausure.
Ao longo da mesma daranse a coñecer os vencedores da novena edición do festival de entre os 37 títulos que se puideron ver durante a última semana no Teatro Principal e a Galería Caroní da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas. Un xurado formado por recoñecidos profesionais procedentes de Europa e os Países Árabes foron os encargados de decidir os vencedores nas categorías de mellor longametraxe de ficción, longametraxe documental, curtametraxe de ficción, curtametraxe documental e mellores director, actriz e actor.
Tamén se revelará en curtametraxe gañadora do concurso Amal Express, no que creadores de todo o mundo realizaron unha curtametraxe sobre a palabra “REVOLUCIÓN” en só 96 horas. A contía do premio ascende a 500 euros.
Ademais haberá un Premio Especial do Público AMAL 2011 cunha dotación económica de 1.500 Euros e un trofeo. Este premio será decidido polos espectadores asistentes ao Festival, que depositaron o seu voto nunha urna habilitada para a ocasión en cada proxección.

PUBLICIDADE