A franquía Syndicate resucitará como un xogo de acción en primeira persoa

luns, 12 de setembro do 2011 Marcus Fernández

En 1993 o estudo Bullfrog baixo a batuta de Peter Moulyneux achegou ao mercado a franquía Syndicate, que conseguiu consolidarse como un clásico dos xogos tácticos en tempo real, que coa súa vista isométrica pasou por numerosas plataformas (PC, Mac, Amiga, Mega Drive, SNES, 3DO...) e que vai volver en 2012 da man de Electronic Arts, compañía que tras máis de medio ano de rumores confirmou que Starbreeze está a desenvolver un novo Syndicate baixo o nome chave de Project Redlime, que suporá un cambio de xénero, pois converterase nun shooter en primeira persoa, que só parece conservar a ambientación de ciencia-ficción do xogo orixinal.
O novo título chegará a primeiros do ano que vén para PC, PlayStation 3 e Xbox 360, asegurándose dende Electronic Arts que «os seareiros da franquía recoñecerán moitas armas e contornos no xogo, pero dun xeito totalmente novo. O xogo tamén achegará un profundo e independente modo cooperativo a 4 xogadores con misións do xogo orixinal, o que engade unha nova capa de profundidade á experiencia xeral».
Syndicate estará ambientada en 2069, un mundo futurista onde os negocios son a guerra (o mundo estará dividido en rexións controladas por megacorporacións chamadas Syndicates) e onde os cidadáns terán chips neuronais implantados que abriranlles o acceso aos datos do mundo e ao control da tecnoloxía ao abeiro das corporacións que exercerán un control case absoluto, contando con axentes especiais en primeira liña de fogo, tomando nos o control dun deles, Miles Kilo, o último prototipo de axente de Eurocorp, que se embarca nunha aventura brutal de corrupción e vinganza. En definitiva, teremos un xogo de acción que aproveita unha vella gloria para fornecer un universo no que desenvolver as súas misións, atraendo así tanto a novos xogadores como a quen xogou hai anos ao Syndicate orixinal.

Syndicate pasa de ser un xogo táctico en tempo real a un FPS
No xogo encarnaremos ao axente Miles Kilo
O xogo de Starbreze contará con diversidade de armas e tecnoloxías futuristas que reforzarán a súa ambientación

PUBLICIDADE