A firma ameSat convoca a seareiros do fútbol e dos videoxogos no seu Torneo FIFA 14

luns, 7 de abril do 2014 Redacción

A localidade de Milladoiro (Ames), vai acoller os vindeiros días unha interesante cita para os seareiros da serie FIFA de EA Sports, máis polo miúdo para os que estean familiarizados coa versión FIFA 14, lanzada o 24 de setembro do pasado ano. A competición de Milladoiro, o Torneo FIFA 14, vén da man da firma local ameSat e segundo nos conta un dos seus responsábeis, Marcos Doval, celebrarase os días 18 e 19 de abril. O premio consistirá nunha TV de 39 polgadas, unha PlayStation 4 con dous mandos e máis o xogo FIFA 14 propiamente dito.
As inscricións están abertas até o día 14 (a formalizar no local do servizo técnico ameSat, rúa Raxoeira 7, baixo). Poden sumarse ao torneo rapaces maiores de 12 anos. Os partidos xogaranse na modalidade “un contra un” e durarán un máximo de 10 minutos, con encontros de ida e volta na primeira rolda. Para quen queira afondar un pouco máis nas bases do torneo, xa están dispoñíbeis na web da empresa de Milladoiro. Dende a organización queren animar a tódolos seareiros do fútbol e dos videoxogos da nosa terra “a amosar as súas habilidades nesta competición”.

PUBLICIDADE