A finais de ano sairá un novo xogo de naves para Dreamcast

martes, 29 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Primeira imaxe de The Ghost Blade

Aínda que a produción da consola Dreamcast de SEGA cesou hai 12 anos, non son poucos os que se resisten a deixala morrer, e ao igual que o pasado verán o desenvolvemento do xogo REDUX: Dark Matters para esta consola conseguiu financiamento a través de Kickstarter, a xente de Hucast Games continúa a dar guerra e anuncia agora un novo xogo de naves, The Ghost Blade, que estreará versión para Dreamcast a finais de ano (á vez que confirman que REDUX verá a luz en breve).
O novo título para Dreamcast ofrecerá 3 modos de xogos (Stage Mode, Caravan Mode e Time Attack), 3 naves para elixir, taboleiros de puntuación en liña e incluso selección de orientación de pantalla (pode optarse por un formato 4:3 ou 3:4, para adaptarse aos gustos dos nostálxicos deste tipo de xogos en máquinas recreativas).

PUBLICIDADE