A filtración de Twtich non afectou a contrasinais nin tarxetas bancarias

xoves, 7 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A preocupante filtración de datos de Twitch parece ser menos grave do esperado, e dende Twtich queren tranquilizar aos usuarios asegurando que non atoparon evidencias de que as credenciais dos usuarios estivesen en perigo (de aí que non advertisen masivamente aos usuarios para mudar de contrasinal) e tamén destacaron que os números de tarxetas bancarias non están almacenados nos seus servidores, polo que en ningún momento correron risco.
Aseguran que a filtración foi posible por mor dun cambio de configuración dun servidor, que facilitou que un terceiro malicioso puidese coarse, intrusión que aínda están a analizar minuciosamente. Como medida de seguridade o que si están a reiniciar son as chaves para a realización de emisións en directo, ou sexa, que os usuarios que empreguen ferramentas como a versión libre de OBS que configurasen manualmente o servidor de destino das súas emisións deberán copiar as novas chaves tamén manualmente, mentres que en todos os sistemas nos que tal configuración se realiza a través de contas de Twitch a actualización desta información será automática, de xeito que os usuarios de Twitch Studio, Streamlabs OBS, Xbox, PlayStation e a aplicación móbil de Twitch non terán que realizar ningunha acción para empregar as novas chaves de emisión.

PUBLICIDADE