A festa das letras, a fondo na campaña en liña +Internet +galego +futuro

martes, 12 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Entre os espazos galegos en liña que máis se están a centrar estes días nas temáticas da cultura galega e a festa das letras (17 de maio) atópase un vello coñecido: a web da campaña +Internet +galego +futuro. O espazo en cuestión, mantido pola Consellería de Economía e Industria, foi posto en marcha (hai agora uns anos) cos mesmos obxectivos cá festividade do Día Mundial de Internet e das Telecomunicacións, o 17 de maio, pero cun engadido extra que aos galegos nos toca de preto: a celebración na mesma xornada do Día das Letras Galegas. Dito doutro xeito, a web celebra a chegada da Rede ás nosas vidas e, tamén, que esta chegase xusto cando máis precisabamos dela: netes tempos en que a nosa lingua máis pide que a coidemos cun pouco de porvir e tecnoloxía. Neste senso, o xogo de palabras que é a suma de conceptos do seu nome (+Internet +galego +futuro) ben pode ser reinterpretado coma tres resultados intercambiables: Internet+galego= futuro
Internet+futuro=galego ou
Futuro+galego=internet.
Esta vontade de mesturar un concepto con outro até que non saibamos até onde chega un e onde comeza o seguinte é o espírito que reflicte a web, estes días dando conta polo miúdo da traxectoria vital e das contribucións literarias, xornalísticas e investigadoras de Ramón Piñeiro, autor homenaxeado nesta xornada do 17 de maio e, como tal, eixe vertebrador de case todo canto se conta estes días na páxina: tanto das actividades a pór en marcha dende os departamentos dos que depende o espazo en liña como dende outras institucións, entidades, organizacións ou colectivos.
Entre as novidades que incorpora este ano o espazo en liña inclúese o sorteo diario de sete memorias USB, dispositivos aos que poderemos acceder achegando o noso nome e apelidos, correo electrónico e número de teléfono.
Porén, o miolo da web é estes días a información vinculada a Ramón Piñeiro e a nosa cultura en xeral, ben sexan actividades concretas a pór en marcha, datos biográficos sobre o autor ou novidades ligadas ao 17 de maio (en concreto) e a presenza da nosa cultura nos espazos dixitais (en xeral) procedentes dos novos medios de comunicación que pon en xogo a Internet. Neste senso, os responsables da web concíbena de xeito aberto e participativo: non só animan a acceder a ela a todos os internautas que procuren datos sobre a nosa lingua e as tecnoloxías ao noso alcance, senón que a súa arela é a de que tomen partido nas distintas actividades programadas. A idea é esta: “Contribuírmos todos xuntos a unha realidade na que o galego se use tanto na Internet coma en calquera situación social, cultural ou empresarial”, sinálase na páxina web.

PUBLICIDADE