A fenda dixital de África, cada vez máis fonda

mércores, 7 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Mentres nos países da Unión Europea hai xa preto de 70 millóns de conexións a Internet, en África non chegan ós 3 millóns na actualidade e, aínda que está previsto que as conexións á Rede de alta velocidade (incluíndo liñas ADSL e tecnoloxía sen fíos) cheguen ós 7 millóns en 2011, non abondará para facer desaparecer a preocupante fenda dixital existente no continente africano, que “está quedando moi retrasado respecto ó resto do mundo”, tal e como afirma a compañía de investigación surafricana BMI-TechKnowledge.
A devandita fenda débese a que os gobernos non abren os mercados e os custos de conexión non diminúen, mais a situación será moito peor co paso do tempo debido a que os servizos de banda ancha estarán dispoñibles en África soamente para uns poucos privilexiados de alto poder adquisitivo, o que dificultará os investimentos estranxeiros no continente e aumentará máis aínda a diferenza respecto do resto do mundo.
Debido á falta de conectividade internacional, menos do 1% dos africanos teñen acceso ós servizos de banda ancha que se se compara co 22% dos estadounidenses e o 30% dos europeos occidentais, as cifras soan moito máis arrepiantes.
Os norteafricanos son os que teñen o mellor acceso á Rede de todo o continente, xa que os seus gobernos liberalizaron o sector das telecomunicacións e os provedores de Internet poden acceder a un gran número de fíos submarinos grazas á súa proximidade con Europa. Pola contra, no leste de África, a banda ampla apenas existe debido a que non hai ningunha conexión submarina que ligue estes países co resto do mundo. Precisamente e por todo isto, os provedores de servizos teñen que empregar as conexións por satélite, máis caras e menos fiables, que entorpecen o acceso a Internet.
Malia todo, o futuro non semella tan catastrófico para o continente africano (polo menos nalgúns casos concretos), pois a falta de infraestruturas de liñas fixas obrigou a moitos países a adoptar as novas tecnoloxías sen fíos relativamente rápido e, agora, case a metade das conexións de banda ampla non empregan fíos, unha boa clave para medrar ó menor custo.

PUBLICIDADE