A feira IFA de Berlín mudará de formato en setembro

mércores, 22 de abril do 2020 Marcus Fernández

Unha das citas tecnolóxicas anuais máis importantes de Europa, a IFA de Berlín, prevista para primeiros de setembro, anuncia a súa cancelación no formato tradicional por mor da prohibición alemá de celebrar eventos con máis de 5.000 participantes até o 24 de outubro.
Pero a cancelación do evento non será total, senón que tentarán desenvolver a feira dun xeito alternativo, para que a cita no calendario poida continuar a empregarse como un escaparate da electrónica de consumo, aínda que polo momento non dan detalles sobre o novo formato que adoptarán, e que previsiblemente teña unha forte presenza en liña.
Na súa pasada edición a IFA xuntara a 238.721 visitantes e contara con 1.939 expositores, de xeito que é evidente que é un evento dunha magnitude tal que sería moi arriscado celebralo nas condicións habituais, e a súa reformulación dá a entender que 2020 vai pechar sen ningún outro grande evento do sector, quedando como dúbida o Tokyo Game Show previsto para finais de setembro, e que posiblemente anuncie en poucos días o formato que adoptará (pois a semana pasada anunciou os Japan Game Awards 2020, dando a entender que non queren cancelar completamente a feira do videoxogo máis relevante de Asia).

PUBLICIDADE