A familia de tablets ARCHOS Elements incorpora un modelo con conectividade 3G

venres, 21 de setembro do 2012 Marcus Fernández

En pleno verán ARCHOS estreou a súa familia de tablets Elements co ARCHOS 97 Carbon, un dispositivo con Android 4.0 e pantalla de 9,7 polgadas que chegaba ao mercado a un prezo bastante competitivo (249,99 euros) e agora inclúe no seu catálogo o ARCHOS 97 Xenon, variante do mesmo dispositivo que integra un modem 3G HSPA libre (de xeito que incluso podería funcionar con tarxetas SIM de prepagamento) para ter conectividade de datos onde non haxa cobertura de Wi-Fi, GPS (para facer uso da localización no mapa e da navegación GPS) e incluso pode enviar e recibir mensaxes de texto (SMS e MMS).
O ARCHOS 97 Xenon ten unha pantalla IPS de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, Android 4.0 con acceso a Google Play, procesador a 1,4 GHz, 512 Mbytes de memoria RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, 2 altofalantes, USB 2.0, autonomía de ata 8 horas de reprodución de vídeo, un grosor de 11,5 milímetros e un peso de 650 gramos.
Este tablet chegará ao mercado nos vindeiros días, aínda que polo momento non se anunciou nin a data exacta nin o seu prezo de venda.

O novo tablet vén a ser como un ARCHOS 97 Carbon ao que se lle engade 3G e GPS

PUBLICIDADE