A familia Linksys Velop estrea nodos de parede

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Dende hai un par de anos Linksys ofrece unha solución de redes sen fíos de tipo maia chamada Velop, comercializada en lotes de entre 1 e 3 dispositivos comunícanse entre si para optimizar a rede Wi-Fi doméstica dun xeito que non sería posible con repetidores tradicionais, conseguindo así que en calquera curruncho do fogar poida reproducirse vídeo ou xogarse en rede sen problemas e mantendo un único identificador Wi-Fi.
Este tipo de solucións son cada vez máis populares, especialmente en fogares de grande tamaño, estando formada a familia Linksys Velop por toda unha serie de trebellos con forma bloque cunha base cadrada de 78 x 78 milímetros e unha altura de entre 141 e 185 milímetros, ou sexa, que é preciso colocalos sobre unha mesa ou superficie semellante, o que nalgúns casos (como, por exemplo, en corredores) pode supor dificultades de instalación, de aí que veñan de anunciar novos modelos destes nodos Velop que teñen un formato máis compacto e integran no seu propio corpo un enchufe para poder así conectarse directamente a tomas de corrente de parede, evitando problemas de instalación.
Estes novos nodos Linksys Velop aínda non chegaron ao mercado estadounidense, polo que é de prever que o modelo europea tarde algúns meses en chegar (de feito, os nodos normais en cor negra, dispoñibles nos EE.UU. dende a primavera, aínda non están dispoñibles en España).

PUBLICIDADE