A exposición itinerante Galiciadixital fai unha parada en Ortigueira

luns, 28 de setembro do 2009 Raquel Noya

A Casa do Concello de Ortigueira, sita na praza de Isabel II, vai dar acollida, dende hoxe ata o vindeiro día 3 de outubro, á exposición itinerante Galiciadixital, que organiza a Secretaría Xeral de Medios en colaboración co Concello da localidade.
O principal obxectivo desta exposición única no noso país, é achegar a todos os galegos e galegas o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades daquí, así como servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais.
A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.
A Secretaría Xeral de Medios pretende, a través dos contidos da exposición itinerante por excelencia do noso país, que o visitante se somerxa nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as Cidades do Camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360 graos nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
Por outra banda, Aerodeslizadores por Compostela, que tamén se inclúe na exposición, é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista aerodeslizador. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes trebellos. Cada xogador moverá a súa táboa mirando as opcións correspondentes para acadar a máxima velocidade e así gañar a carreira.
Axóuxere, pola súa banda, é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota e faga ata oito actividades diferentes máis, que fan que o visitante goce dunha experiencia nova e inesquecible.
A exposición complétase con seis contidos máis que se poderán visitar en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada, ao igual que en anteriores edicións, será de balde para tódolos públicos.