A enxeñeira galega Luz Castro, recoñecida polo CPEIG

xoves, 18 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Luz Castro Pena, profesional galega das novas tecnoloxías e unha das representantes do sector que máis ten traballado a prol do pulo ás nosas empresas e ao papel da muller na Sociedade da Información e no tecido produtivo TIC, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento: o que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, para distinguir a participación e o compromiso feminino a tódolos niveis do panorama tecnolóxico galego. Falamos do Premio Ada Byron, un galardón que se estrea este ano e que se insire nos recoñecementos anuais que concede o devandito ente colexial durante a a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano chegará á súa cuarta edición o vindeiro 23 de novembro de 2012.
O colexio valorou “a intensa traxectoria profesional da galardoada”, enxeñeira Informática pola Universidade da Coruña, e a súa implicación na defensa da profesión que o CPEIG representa. Socia fundadora de Imaxin Software, empresa na que é directora da área especializada no desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia, Luz Castro é profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña desde o ano 2008. A premiada foi vicepresidenta da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET) entre os anos 2008 e 2010. No ano 1994 fundou a Plataforma polo Galego na Informática e foi vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística no período 2002 /2004.
Tencoloxía e sociedade igualitarias
Segundo informa o CPEIG, a decisión de conceder por primeira vez este premio veu dada pola necesidade de valorar e visualizar perante a cidadanía a participación feminina “en tódolos niveis de tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación e como líderes dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza da saída da actual crise”. En opinión do CPEIG, as mulleres deben ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.
Ada Byron foi unha matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

info portfolio

PUBLICIDADE