A enxeñeira Carmen García Mateo recibirá o Premio María Josefa Wonenburger

venres, 5 de setembro do 2014 Redacción

O Pleno da Unidade de Muller e Ciencia celebrado hoxe designou á catedrática de Enxeñería de Telecomunicación Carmen García Mateo como nova galardoada co Premio María Josefa Wonenburger, galardón creado pola Xunta no ano 2006 para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaria Xeral da Igualdade. Dende a súa creación, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía.
A premiada deste ano, Carmen García Mateo, é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Licenciouse no ano 1987 na Universidade Politécnica de Madrid e doutorouse en 1993 cunha tese sobre Técnicas de Representación do Espectro en Codificación de Voz e Baixa Velocidade.
Desde principios dos anos noventa traballa como profesora titular na Escola de Enxeñería de Telecomunicación, na Universidade de Vigo, onde tamén ten desenrolado o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, entre os anos 2006 e 2010. Así mesmo, ten participado en importantes publicacións científico-técnicas e multitude de proxectos de I+D; e é socia fundadora da Sociedade Española para a Acústica Forense, SEAF.
Ademais, na reunión tamén se presentou un estudo sobre a figura de María Josefa Wonenburger Planells, a matemática coruñesa que da nome ao premio e que faleceu o pasado mes de xuño na Coruña. O estudo desta referente internacional no ámbito das ciencias foi presentado polas súas autoras, as catedráticas da Universidade da Coruña, María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar.

PUBLICIDADE