A empresa galega Councilbox recibe do CPEIG o Premio Iniciativa Emprendedora

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

Agustín Tourón e Víctor López, socios fundadores de Councilbox

O Premio Iniciativa Emprendedora que concede anualmente o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) irá dar este ano a mans da empresa galega Councilbox, con sede de operacións en Nigrán. O galardón, que se vai entregar xunto cos restantes galardóns do colexio (un total de dez) no marco da trece edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que organiza a entidade profesional (o 29 de outubro no Hotel Puerta del Camino de Santiago), salienta o traballo feito por Councilbox coa súa tecnoloxía de reunións remotas con voto electrónico e validez legal. A firma concentra a maior parte dos seus profesionais nas súas oficinas de Nigrán (Pontevedra) e de Teo (A Coruña).
A empresa
Segundo salienta o CPEIG, Councilbox é a primeira solución tecnolóxica que xestiona de forma integral os procesos de reunións telemáticas (xuntas de accionistas, asembleas, comités corporativos, plenos de organismos públicos, etc.) garantindo a súa validez legal e tamén ofrece unha solución para que as administracións públicas poidan prestar atención ao cidadán de forma virtual e rastrexábel (trazábel), “cumprindo a normativa existente”. O colexio engade que esta solución “é fácil de usar e non require instalación previa”, contando con funcionalidades como a convocatoria guiada, os censos para cada tipo de reunión, o reconto automático das votacións, a xestión automática das delegacións de voto, e a sinatura dixital dos documentos resultantes. Ademais, destaca o colexio, evita a inxente produción de documentos en papel, ao xerar por se mesma a documentación obrigatoria nas reunións corporativas (lista de asistentes, acta, certificacións de acordos) así como os certificados e as evidencias de proba electrónica.
O xurado dos galardóns tamén valorou que esta ferramenta dea flexibilidade ás reunións e que sexa válida para calquera organización “grazas á súa alta capacidade de configuración, adaptándose a todas as lexislacións e necesidades xurídicas, permitindo ademais a participación en remoto e en presencial, admitindo reunións híbridas, facilitando así a asistencia e a constitución de quórums desde calquera localización, favorecendo a conciliación persoal e laboral”.
Por outra banda, conta con funcionalidades avanzadas de configuración de voto como delegación, ponderación por punto da acta ou selección múltiple de opcións.

Javier Polo, director executivo (CEO) de Councilbox

No capítulo de vantaxes e funcionalidades, o colexio tamén salienta a súa capacidade para mellorar a produtividade das empresas, aforrando un 80% do tempo dedicado a preparar e celebrar reunións: “A automatización e simplificación dos procesos reduce os erros en todos os pasos, desde a convocatoria ata a celebración e xeración da acta, e adicionalmente conta con funcións para potenciar a organización documental, facilitar o acceso aos arquivos de cada reunión e xerar libros de acta, ademais de garantir a custodia durante cinco anos”. A validez legal das reunións baséase no uso da tecnoloxía da cadea de bloques (blockchain) na xestión de evidencias de proba, achegando unha sinatura e unha custodia legal en todos os procesos e celebracións da empresa ou institución, de forma que non poidan ser impugnados. Amais, permite que un avogado estea presente en cada reunión sen necesidade de desprazarse, así como delimitar quen accede a cada contido. Ademais, Councilbox adáptase á lexislación vixente en cada momento e blinda a seguridade dos conselleiros.
Referente no ámbito europeo legaltech
Segundo explican os seus socios fundadores Agustín Tourón e Víctor López, “Councilbox naceu como unha pequena startup e tras estes anos de retos infinitos e traballo duro, estamos a lograr acadar a nosa meta de converternos nunha referencia europea dentro do segmento legaltech”. Entre as vantaxes para as institucións e as empresas destacan “a solidez, a sinxeleza de uso e a validez legal que achega ás reunións celebradas de forma remota, combinando a seriedade procedemental e a seguridade xurídica cun drástico aforro de tempo, custos e recursos da compañía”.
Ademais de manifestar a satisfacción de todo o equipo profesional polo premio do CPEIG, o director executivo (CEO) de Councilbox Javier Polo subliñou o traballo diario que desenvolven “para mellorar a nosa tecnoloxía co obxectivo de facilitar a celebración de reunións corporativas remotas e os nosos servizos de atención cidadá. Na actualidade contamos con clientes tan relevantes como o Ministerio de Xustiza e varias empresas cotizadas, o que é unha proba máis do atractivo da nosa proposta, e da nosa solidez e eficacia”.

PUBLICIDADE