A empresa betanceira Disashop, incluída na listaxe de firmas europeas que máis medran

mércores, 15 de maio do 2013 Redacción

Disashop, a empresa con sede en Betanzos da que falamos onte para dar conta de novas medidas de seu para a captación de clientes, foi incluída polo IESE e a organización Europe´s 500 na súa listaxe de empresas europeas (descargable en formato PDF) que máis medran e crean emprego, edición 2013. Trátase duns premios que se entregan cada ano polas devanditas entidades e que ten como obxectivo amosar ante a cidadanía e o tecido produtivo as compañías que máis espallan a súa actividade na contorna da UE. Segundo apunta Disashop, a clave para a inclusión nesta listaxe foi a súa aposta pola innovación e a expansión internacional, que lle permitiu acadar “un volume previsto para este ano de máis de 400 millóns de euros en vendas e lograr un crecemento no número de empregados, cun persoal próximo ás 200 persoas en todo o mundo”.
Sinalar que os galardóns (correspondentes ao medre empresarial até o ano 2011) foron entregados recentemente en Bruxelas. Nesta convocatoria Disashop foi nomeada como empresa europea número 113 con máis crecemento e máis xeración de emprego.
Disashop, como lembraremos, é unha das principais plataformas españolas de distribución de produtos electrónicos prepago. A día de hoxe, xestiona 500.000 transaccións diarias, “sobre todo recargas a teléfonos móbiles prepago nacionais e internacionais dos principais operadores e medios de pago do mundo”.

PUBLICIDADE