A elección das sete marabillas naturais do mundo estase a resolver na Rede

venres, 4 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Cada pouco a Rede ponse pesada co tema de elixir cales son as xoias da arquitectura mundial máis salientábeis, ou cales son esas paraxes naturais nas que che gustaría estar de contado, coa túa bebida e co parasol, en lugar de ver a chuvia caendo polos cristais. Estudos deste tipo xa houbo moitos, e en ocasións atenden de máis ao comercial e ao turístico, deixando de lado outras cuestións de maior relevancia, pero cómpre recoñecer que poden chegar a ter o seu aquel, sobre todo se do que se trata é de loitar polo recoñecemento e protección dun sitio que che toca de preto. Na nova enquisa posta en marcha na Rede para elixir as sete marabillas da natureza, sentimos dicilo, non hai ningún recanto galego, pero tendo en conta a nosa tendencia a estar en todas partes, case dá o mesmo. A cousa vén da man de The New7Wonders e conta co apoio de empresas como Skyscanner, o buscador de viaxes. Os resultados daranse a coñecer o día 11.
A elección, comenta o buscador, é ben complicada, e máis se temos en conta que compiten paraxes naturais como as Fervenzas de Iguazú a Selva Negra ou as Illas Maldivas, entre outros enclaves.
O concurso, que está aberto ao público na Rede (ou a través de mensaxes curtas ao móbil), xa rexistrou unha chea de votacións procedentes de tódolos recantos do mundo. Como dixemos, non hai nos 28 finalistas ningunha beleza natural galega ou española, e iso que se contaba cuns cantos espazos de gran potencial como para figurar. De feito, para facérmonos unha idea, España dá acubillo a seis espazos naturais que forman parte do Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Pero non puído ser, e iso que nunha primeira listaxe, con máis de 440 participantes en representación de máis de 220 países, conseguiron coarse os Picos de Europa, o volcán do Teide e máis o Parque Nacional de Serra Nevada.
Estes son, finalmente, os espazos naturais que concorren na última fase do certame:
1. Amazonas (Bolivia, Brasil, Colombia e outros)
2. Salto do Anxo (Venezuela)
3. Baía de Fundy (Canadá)
4. Selva Negra (Alemaña)
5. Illas de Bu Tinah (Emiratos Árabes Unidos)
6. Cantís de Moher (Irlanda)
7. O Mar Morto (Israel, Xordania, Palestina)
8. O Iunque (Porto Rico)
9. Illas Galápagos (Ecuador)
10. O Gran Canón (Estados Unidos)
11. Gran Barreira de Coral (Australia, Papúa Nova Guinea)
12. Baía de Ha-Long (Vietnam)
13. Fervenzas de Iguazú (Arxentina, Brasil)
14. Jeita Grotto (Líbano)
15. Illa de Jeju (Corea do Sur)
16. Monte Kilimanjaro (Tanzania)
17. Illa de Komodo (Indonesia)
18. Illas Maldivas
19. Distrito dos lagos de Masuria (Polonia)
20. Monte Cervino (Italia, Suíza)
21. Milford Sound (Nova Zelandia)
22. Volcáns de lodo (Azerbaián)
23. Porto Princesa (Filipinas)
24. Delta de Sundarbans (Bangladesh, India)
25. Montaña da Mesa (Sudáfrica)
26. Uluru (Australia)
27. Monte Vesubio (Italia)
28. Parque Yu Shan (Taiwán)

PUBLICIDADE