A editorial en liña Bubok.es celebra o seu ano de vida con premio literario

xoves, 16 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Manter unha editorial aberta durante un ano semella de por si unha tarefa complicada, pero facelo a través da web é, ademais de difícil, arriscado abondo. Referímonos sobre todo a que constitúe unha desas experiencias que, malia non ser propiamente novas, si que contan cun número ben reducido de puntos de referencia. Ou sexa: que en boa medida é coma conducir case de noite coas luces apagadas. Con todo, hai experiencias que acadan deixar atrás esta liña psicolóxica do ano transcorrido, como por exemplo a editorial en liña Bubok.es, un servizo que recolle algunhas das liñas de actividade das editoriais de toda a vida pero abrindo o espectro comunicativo e promocional grazas á Internet e ceibando o camiño de determinadas figuras intermediarias, como por exemplo o editor ou o distribuidor. Bubok, que polo demais tamén fai o que calquera outra das firmas do sector (publicar en formato físico obras de escritores sobre calquera tema ou disciplina), vén de cumprir o seu primeiro aniversario con redobre de tambores: celebrando o seu primeiro certame literario, o Premio de Creación Literaria na súa edición 2009, concurso que finalmente deu como gañador a Juan Julián Merelo (mestre da Universidade de Navarra, na imaxe) pola súa obra Lujoyglamour.net. Por certo que o segundo posto foi para Alberto Ramos Barranco, polo seu libro Los últimos días de Clark K.
Segundo informa Elpais.es, os membros do xurado foron Rosa Regás, Lorenzo Silva, José Ángel Mañas, Andreu Teixidor e Ángel María Herrera. Asemade, cómpre sinalar que todos eles coincidiron á hora de elixir a Juan Julián Merelo como gañador deste certame, dotado con 2.000 euros de premio. Para quen queira obter máis información sobre este servizo de editorial en liña, o seu concurso literario e o devandito escritor granadino, dicir que a cerimonia de entrega desenvolverase o vindeiro mércores 6 de maio, sendo o xornal El Pais, a partir dese intre, a única canle de distribución en liña para a merca da obra en cuestión.

PUBLICIDADE